Saltar ao contido principal
Xornal

A USC reflexiona sobre o seu modelo de política lingüística para a docencia

Actualizada: 26-11-2018 14:03
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Gumersindo Feijoo, Valentín García, Antonio López, Isabel Vázquez e Jon Zarate. Foto: Servimav-USC

Contribuír a establecer un modelo e unha proposta de política lingüística para a USC que guíe a súa política lingüística con carácter estratéxico nos vindeiros dez anos é o cometido da xornada de reflexión ‘As linguas na USC’ que tivo lugar este luns no Centro de Estudos Avanzados, con videoconferencia dende a Facultade de Humanidades de Lugo.

Na xornada, nesta ocasión centrada na política lingüística da USC para a docencia, reflexionouse sobre o estatus e as funcións das linguas na Universidade cunha óptica política de servizo á sociedade galega e de integración no EEES, que alicerce a actualización do modelo lingüístico da institución. Para máis adiante están previstos outros  encontros similares que trate esta cuestión dende a óptica dos servizos e do alumnado, entre outros.

Á inauguración asistiron o reitor da USC, Antonio López; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo; a vicerreitora de Estudos e Política Lingüística da Universidade de Valencia, Isabel Vázquez; e o vicerreitor de Eusquera e Formación Continua da Universidade do país Vasco, Jon Zarate.

Nesa acto de apertura o reitor Antonio López centrou a súa intervención no marco normativo das linguas na Universidade galega e en concreto na USC. “A Universidade é un motor de dinamización no eido cultural e tamén na defensa da lingua, por iso son necesarias xornadas como as de hoxe, que ademais de definir o noso modelo deben servir para incrementar o uso do galego como lingua vehicular na docencia”, dixo.

A xornada continuou coa análise das políticas lingüísticas doutras universidades de ámbito estatal así como das linguas na docencia da USC e da competencia lingüística do alumnado. As actitudes lingüísticas e en especial a do PDI son outras cuestións a tratar nunha sesión á que asistiron persoas responsables de distintos centros e servizos da USC así como representantes de PDI.