Saltar ao contido principal
Xornal

Comezou en Dereito o congreso ‘Violencia de xénero Vs violencia contra as mulleres’

Actualizada: 27-11-2018 11:50
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Mar Lorenzo, Alfonso Rueda, Gumersindo Guinarte e Raquel Castillejo. Foto: Ana Varela

Un congreso internacional aborda este martes 27 e o mércores 28 na Facultade de Dereito o tema ‘ Violencia de xénero Vs violencia contra as mulleres’ baixo a coordinación da profesora Raquel Castillejo. O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou no acto inaugural celebrado na facultade compostelá xunto coa vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; o decano do centro, Gumersindo Guinarte Cabada; a profesora Raquel Castillejo; e o profesor da Universidade de Barcelona, Vicente Pérez Daudí.

Da man de profesionais e persoal investigador, o programa desta primeira sesión aborda cuestións como o exercicio da prostitución, a xestación por substitución ou os aspectos criminolóxicos e vitimolóxicos da trata de persoas con fins de explotación sexual. Na primeira xornada tamén haberá espazo para presentar unha serie de reflexións arredor da delincuencia sexual, con especial atención á cultura da violación ou os movementos #metoo e 8M. O feminicidio ou a relación entre o sistema de xustiza penal e violencia de xénero serán outras cuestións a abordar xunto co relatorio do catedrático de Psicoloxía Gonzalo Serrano e da catedrática de Dereito Procesual Raquel Castillejo Manzanares sobre ‘Xénero, trauma e vitimización secundaria: denuncia, dispensa do deber de declarar’.

Na derradeira xornada, o día 28, o relatorio ‘Cómpre ‘introducir’ o xénero no sistema de xustiza penal?’ abrirá ás 10.00 horas o programa do día no que tamén se falará sobre o estatuto da vítima ou se comparará os procesos penais en España e Portugal en relación coa proba nos casos de violencia contra as mulleres. Violencia de xénero e novas tecnoloxías, con especial atención ao acoso e ás súas implicacións educativas, e soberbia e ideoloxía na titpificación da violencia contra a muller no Terceiro Mundo, son as cuestións que completan o abano de temas presentes no congreso.

A presidenta do Observatorio contra a violencia de doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, María Ángeles Carmona Vergara, pronunciará a lección de clausura do encontro titulada ‘Situación actual da muller vítima de violencia de xénero: medo e vergoña a denunciar?’. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar a web do encontro.