Rapaces e rapazas de institutos de toda Galicia comezaron a achegarse na mañá deste martes á
Cidade da Cultura para participar na
I Feira de Innovación USC-ABANCA. Organizada pola
USC, nela móstrase todo o potencial formativo, investigador e de transferencia de coñecemento da
Universidade á vez que inclúe o III Campus ABANCA de fomento do talento e o emprendemento.
A inauguración correu a cargo do director xeral de Universidades, José Alberto Díez de
Castro; do presidente de Afundación e director xeral de RSC e Comunicación de ABANCA, Miguel Angel
Escotet, e do reitor Antonio López, para quen “o gran reto que temos por diante é a innovación. A
renovación do coñecemento é actualmente vertixinosa; non basta xeralo, hai que saber transferilo”. “
Aquí, na Feira, ides atopar investigación, innovación e formación en bata branca e sen bata
branca; dende as ciencias experimentais ata as humanidades”, díxolle aos asistentes.
Miles de visitantes
Na Feira participarán máis de 2.000 estudantes, que terán a oportunidade de asistir
a exhibicións das máis innovadoras tecnoloxías, presentación de spin-offs e patentes xurdidas na
Universidade compostelá, obradoiros de emprendemento, charlas e conferencias, entre outras moitas
actividades.
Nun espazo de 500 metros cadrados a Feira contempla durante dúas xornadas actividades
interactivas desenvolvidas por persoal investigador de centros da USC como demostracións de
impresión 3D, robots e software de modelado de moléculas. Conectarase tamén a través de internet
con egresados e egresadas da USC en empresas e institucións como a Xunta de Galicia, o CERN, a Real
Academia Galega ou a Academia Española.
Na Feira están ademais presentes diversos servizos, como a Oficina de Información
Universitaria, que resolverá todas as dubidas acerca do ingreso na Universidade nos seus 50 graos,
10 dobres graos, 67 mestrados oficiais e máis de 100 cursos propios nos dous Campus (Santiago e
Lugo). Dáse conta tamén da actividade investigadora da USC, con 300 grupos de investigación nas
cinco grandes áreas, tres agrupacións estratéxicas, 11 institutos, tres centros singulares e 1
María de Maeztu.
O Servizo de Publicacións da USC, a editorial máis antiga de Galicia, ou Unitenda, con
interesantes descontos, son outros espazos que se poden atopar na feira.
Conferencias divulgativas
Ao longo da Feira desenvólvese o ciclo de conferencias divulgativas ‘Amosar e
transferir o coñecemento’, que inaugurou o catedrático Ángel Carracedo cun relatorio sobre o ADN e
a xenética forense que ateigou de público o auditorio.
Por esa sala pasaron e pasarán tamén os docentes e investigadores da USC Ángel Carracedo,
Jorge Mira, María Cadaval, Francisco Dubert, Paz García, Sebastián Villasante, María José Alonso,
Marilar Aleixandre, Santiago Galdo e Ramón Díaz, con temáticas que van dende os fusos horarios aos
fármacos e drons, pasando polos océanos, a investigación xurídica ou as linguas en contacto.
Haberá tamén unha mesa de debate titulada ‘Impulsando a I+Nutrición’, promovida co apoio de
Carrefour, que contará con representantes de empresas como Feiraco, Frinsa ou Aceites Abril.
Campus ABANCA
A Feira inclúe ademais a
III edición do Campus ABANCA, cun programa de obradoiros,
relatorios con especialistas de máximo nivel e a presentación dos proxectos finalistas do concurso
dirixido a estudantes cunha idea ou proxecto de negocio baseado nas profesións do futuro:
emprendedor, fundador de
startup,
ecommerce, profesional do marketing,
community manager, deportista de elite, músico profesional ou actividades relacionadas coa
música e as artes, coa innovación social e a sustentabilidade, a investigación e a industria
4.0.
A I Feira de Innovación USC-ABANCA conta ademais coa colaboración da Xunta de Galicia, a
Cidade da Cultura, Carrefour, Coca-Cola e Biscuits Galicia.