Saltar ao contido principal
Xornal

Ciencias Económicas e Empresariais acolle o mércores a clausura do 50 aniversario dos Estudos de Economía en Galicia

O evento de peche será as 13:30 horas, no hall do centro

Actualizada: 27-11-2018 14:19
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A conmemoración dos 50 anos dos estudos universitarios de Economía e Empresa en Galicia vivirá este mércores 28 a súa última xornada cunha serie de actos na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. O acto de clausura desenvolverase ás 13.30 horas, no hall do centro, e contará coa presenza do reitor da USC,  Antonio Lopez, e da decana do centro María Emilia Vázquez Rozas. Proxectarase no evento un vídeo resumo do aniversario e inaugurarase a exposición ‘50 anos de Economía Galega na Prensa’, que permanecerá no centro os vindeiros meses. Esta mostra recolle un total de 45 portadas e de páxinas destacadas dende 1968 e serve como percorrido pola historia económica e do xornalismo. Na súa elaboración contou coa colaboración de La Región, El Progreso, Faro de Vigo, El Correo Gallego e La Voz de Galicia.

A xornada iniciarase cunha reunión do Comité Consultivo da Facultade e continuará ás 11.00 horas no Salón de Graos coa presentación do Catálogo de obras de arte da Facultade, na que participarán o catedrático e exdecano do centro José Carlos de Miguel e José Manuel García Iglesias, catedrático de Historia de Arte Moderna e Contemporánea.

Ás 11:30 horas chegará a presentación do número extraordinario da Revista  Galega de Economía, que recolle as participacións e conclusións do Congreso ‘50 anos de economía galega’, da man de María del Carmen Guisán, directora da Revista  Galega de Economía, e do catedrático de Facenda Pública Luís Caramés. A mesa redonda ‘Os 50 anos de Economía Galega na prensa’, dende as 12.10 horas, contará con Xosé Ramón Pousa, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación; os profesores  Xaime Barreiro e José Antonio Varela; e os xornalistas Sofía Vázquez (La Voz de Galicia) e  Xavier Cea (El Correo Gallego).