Saltar ao contido principal
Xornal

A legalización da eutanasia, a debate nas Regueifas de Ciencia

Este xoves 29 na Facultade de Ciencias da Comunicación a partir das 20.00 horas

Actualizada: 28-11-2018 11:48
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel da próxima sesión dedicada é legalización da eutanasia

Debe ser legalizada a eutanasia? As posturas fronte esta pregunta definen o próximo debate que abordará o ciclo de Regueifas de ciencia, e desenvolver este xoves 29 a partir das 20.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación.

Nesta ocasión, no debate defenderán a legalización da eutanasia a catedrática emérita de Filosofía Moral e Política da Universidade de Barcelona, Margarita Boladeras Cucurella, e Isabel Blanco Domínguez, directiva de Derecho a Morir Dignamente. En contra intervirán Francisco Javier Barón Duarte, da Unidade de Hospitalización do Servizo de Oncoloxía Medica do Hospital Universitario da Coruña, e Jacinto Bátiz Cantera, doutor en Medicina e Cirurxía e médico de familia.

Directo ou streaming
Regueifas de Ciencia é unha serie de debates en formato Oxford arredor de temas científicos controvertidos que se celebra por terceiro ano consecutivo.  Ao longo das dúas edicións anteriores tratáronse cuestións como a experimentación animal, a modificación xenética, a industria alimentaria, seguridade e privacidade dixital, ou ciencia e fe, entre outros.

Os debates de Regueifas de Ciencia poden ser seguidos en directo dende a sala (entrada libre ata completar aforo), por streaming (a través de http://tv.usc.es/directo2.html) ou visualizados despois a través da canle de YouTube. “Tratamos de facilitar que calquera persoa interesada poida ver os debates. Mesmo poden preguntar aos relatores dende a casa e ser respondidos” , comentan dende o equipo organizador.

Regueifas de Ciencia, formada por profesores, investigadores e profesionais da comunicación científica, está promovida pola USC e financiada pola FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología), pertencente ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Conta tamén coa colaboración de Leonor Parcero&Co. Nesta edición de 2018, Regueifas de Ciencia amplíase coa convocatoria de Regueifiñas, un certame de debate dirixido a centros de ensino secundario, bacharelato e ciclos medios de formación profesional.