Saltar ao contido principal
Xornal

A mostra ‘Con mans de muller’ reivindica o territorio rural como un ámbito para a innovación

Actualizada: 28-11-2018 13:50
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

25 imaxes coas historias de vida de mulleres do rural galego conforman a exposición ‘Con mans de muller’, coa que a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur) reivindica o territorio rural como un ámbito para a innovación a partir da historia real de mulleres galegas.

A mostra, que poderá visitarse no Claustro Alto de Fonseca de luns a venres de 09.00 a 21.00 horas, dá conta de traballos cotiáns elaborados en primeira persoa por mulleres diversas en idades e procedencias que evocan o saber popular e a tradición pero que tamén contribúen á modernidade, ao sustento de Galicia tanto a nivel económico como medioambiental e social.

Como explicou na apertura esta mañá a presidenta de Fademur, Rosa Arcos, coa montaxe tratan de espallar a mensaxe de que as mulleres rurais están tamén implicadas na modernización e valorización da contorna. “O futuro do rural non se pode construír, non se pode entender sen a nosa contribución pasada e presente”, asegurou.

‘Con mans de muller’ quere tamén resaltar a importancia do ámbito rural no cultural e viceversa, para así reducir o déficit no acceso ás actividades culturais entre o medio rural e o medio urbano.


Outras imaxes