Saltar ao contido principal
Xornal

O campus de Lugo recibe este curso preto de 40 estudantes de África, Oriente Medio e Asia co programa Erasmus + KA 107

Representantes de 25 universidades de África e Asia exploran as potencialidades da sede universitaria luguesa como destino deste programa de mobilidade estudantil

Actualizada: 28-11-2018 14:27
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Varela Zapata e o equipo decanal de Humanidades, cos representantes de universidades de África, Oriente Medio e Asia

Os centros universitarios do campus de Lugo da USC formarán este curso preto de 40 estudantes e investigadores internacionais chegados de países do Norte de África, Oriente Medio e Asia a través do programa de mobilidade universitaria Erasmus + KA 107, tal e como se puxo de manifesto nas distintas reunións mantiveron este mércores na sede universitaria luguesa representantes de 25 universidades afroasiáticas que están a participar esta semana na terceira edición da Staff Week na USC.

 

O obxectivo da visita que está a completar esta delegación universitaria internacional nos campus de Santiago e Lugo da USC e que se encadra no marco do Programa Erasmus + KA 107,  pasa por fomentar o traballo en rede entre as 25 universidades participantes neste proxecto de mobilidade transnacional. A posta en común de metodoloxías de traballo que revertan nunha optimización da xestión e difusión dos programas de mobilidade  nos que participan todos os membros do consorcio é outro dos cometidos que busca o Staff Week organizado polo Servizo de Relacións Exteriores da USC.

 

Logo de permanecer dous días en Santiago, onde xa recibiron información da ampla presenza internacional da USC e da crecente dimensión acadada polo seu Servizo de Relacións Exteriores nas últimas décadas, tanto en número de programas de mobilidade, persoal encargado da súa xestión como ampliación da áreas xeográficas dos convenios, os representantes universitarios afroasiáticos visitaron Lugo para coñecer as potencialidades formativas e de I+D das súas escolas e facultades. De feito, cómpre salientar que o campus de Lugo recibe a maior parte dos estudantes internacionais chegados á USC a través do programa Erasmus + KA107.

 

O adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Internacionalización e Estudantes, Jesús Varela Zapata, aproveitou este encontro para lembrar que este curso xa comezaron a estudar na sede universitaria luguesa 26 alumnos e alumnas chegados de África, Oriente Medio e Asia a través do Erasmus + KA107, unha cifra que podería incrementarse a preto de 40 durante o segundo semestre, en función das solicitudes xa rexistradas.

 

Varela Zapata, que acompañou á delegación internacional durante a visita celebrada á Facultade de Humanidades, ofrece xa en quenda de tarde unha recepción institucional no auditorio da Casa do Saber, un acto que tivo continuidade cunha visita ao xacemento arqueolóxico que acubilla o Museo Universitario A Domus do Mitreo.


Outras imaxes


Delegación universitaria internacional, no edificio Cactus de Lugo