Saltar ao contido principal
Xornal

Xoán Ramón Doldán García e Francisco Javier Otero Espinar, novos decanos de Ciencias Económicas e de Farmacia

Actualizada: 29-11-2018 14:35
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe de arquivo de Xoan Doldán e Francisco J. Otero (d)

Ciencias Económicas e Farmacia celebraron este xoves 29 eleccións a decano, resultando elixidos Xoán Ramón Doldán García (esquerda da foto) e Francisco Javier Otero Espinar, respectivamente. No primeiro caso, concorría ao proceso tamén a profesora María Teresa Cancelo Márquez quen obtivo 55 dos 119 votos emitidos, fronte aos 63 do profesor Doldán. Nesta votación hai que sumar un voto en branco.

Xoán Ramón Doldán García é profesor no Departamento de Economía Aplicada. Ten sido director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) entre 2005 e 2008; presidente do Comité Executivo da Plataforma Tecnolóxica Galega de Enerxía (ENERXE) entre 2007 e 2008, así como presidente do padroado da Fundación Sotavento Galicia entre 2005 e 2008 e do consello de administración de Sotavento Galicia SA no mesmo período. Ademais foi membro do consello de administración da Sociedade Enerxía de Galicia (ENGASA) de 2006 a 2008. Actualmente é vicepresidente da Asociación ‘ Véspera de nada. Por unha Galicia sen petróleo’, dedicada á información e divulgación da problemática do teito do petróleo. Foi co director do grupo de Economía pesqueira e recursos naturais da USC e actualmente é membro do de Economía ecolóxica e dos recursos naturais, tamén da USC.

Ademais de ex presidente da Asociación de Economía Ecolóxica en España e é o coordinador do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, un Regional Centre of Expertise (RCE) en educación para o desenvolvemento sustentable do RCE Network da United Nations University. As súas liñas de investigación son a economía ecolóxica, a dos recursos naturais e a da enerxía; o metabolismo socioeconómico, as contas do patrimonio natural ou o transporte sustentable.

Farmacia
Na Facultade de Farmacia, resultou elixido o único candidato que concorreu ao proceso, o profesor Francisco Javier Otero Espinar, con 64 votos a favor e 5 en branco. Licenciado e doutorado en Farmacia leva dedicándose de forma ininterrompida a labores de investigación, docencia e xestión universitaria dende finais de 1994. Durante máis de 11 anos foi secretario do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica e, posteriormente, director deste e do de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica (logo do proceso de fusión do primeiro co de Farmacoloxía). Tamén foi secretario da Sociedade Española de Farmacia Industrial e Galénica da que actualmente é presidente.

No ámbito investigador traballa en I+D de medicamentos, principalmente coa caracterización de medicamentos e o deseño de sistemas de liberación empregando novos materiais. Ademais ten participado en accións de transferencia de tecnoloxía cara o sector produtivo colaboración habitualmente coa industria farmacéutica, agroquímica e de acuicultura no desenvolvemento de proxectos de I+D, informes técnicos, asesoría e accións formativa.