Saltar ao contido principal
Xornal

Homenaxe a Luis Castedo, “un dos fundadores da química moderna nas universidades”

Actualizada: 30-11-2018 13:00
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O profesor Castedo, no centro, acompañado á súa dereita do Premio Nobel Jean-Pierre SauvageFoto: Servimav-USC

Coincidindo coa celebración do 80 aniversario do profesor Luis Castedo, a Facultade de Química desenvolve este venres o congreso ‘Perspectivas en ciencias químicas II’, no que participan especialistas de primeira orde internacional, entre eles o Premio Nobel de 2016, Jean-Pierre Sauvage, quen estes días se refería ao homenaxeado como “un dos fundadores da química moderna nas universidades”.

A cerimonia de apertura presidiuna o reitor da USC Antonio López, que comezou agradecendo que “un número importante de ilustres investigadores estea hoxe aquí, na nosa Universidade, para homenaxear a un científico de renome internacional”. Lembrou que foi o profesor Castedo “quen abriu portas para que os nosos investigadores puideran ir aos centros máis prestixiosos do mundo e para que científicos de alto nivel viñeran colaborar coa USC, entre eles o propio Sauvage”, que visitou a USC por primeira vez en 2001 precisamente convidado por Castedo.

Acompañaron ao reitor na inauguración a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, que agradeceu ter sido convidada a unha xornada “que mestura a política, a química e a amizade”; a decana do centro, Pilar Bermejo; o presidente da Real Sociedade Española de Química, Antonio M. Echavarren; e o director científicos do CiQUS, José Luis Mascareñas.

A continuación, interveu o profesor Jean-Pierre Sauvage, premio Nobel de Química, coa conferencia ‘Dos aneis entrelazados e anudados ás máquinas moleculares’. Participan ademais como relatores o profesor da Universidade de Cambridge CHris Abell; Cristina Nevado, da Universidade de Zurich; Maurizio Prato, da Universidade de Trieste; e Eric Jacobsen, da Universidade de Harvard.

A xornada complétase cunha homenaxe ao profesor Luis Castedo, no que ademais del interveñen Esther Domínguez, da Universidade do País Vasco, e o ex reitor da USC Carlos Pajares. Pecha a sesión o profesor da Universidade Complutense e ex ministro Alfredo Pérez Rubalcaba coa conferencia ‘O despegue da ciencia en España nos anos 80’.


Outras imaxes


Na inauguración participaron, de esquerda a dereita, José Luis Mascareñas, Pilar Bermejo, o reitor Antonio López, Carmen Pomar e Antonio Echevarren. Foto: Servimav-USC