Saltar ao contido principal
Xornal

O alumno da USC Fernando Castro Prado recibiu o premio especial do xurado na convocatoria Arquímedes 2018

Actualizada: 30-11-2018 14:13
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O estudante da USC Fernando Castro Prado recibiu o premio especial do xurado do XVII Certame Universitario Arquímedes que recoñece os mellores proxectos de investigación realizados por alumnado de grao e posgrao das universidades españolas. Estes galardóns entregounos a Secretaría Xeral de Universidades do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades na Universidade Rey Juan Carlos.

O traballo de Fernando Castro, que recibe así un premio de 8.000 euros, corresponde ao seu traballo fin de máster ‘Contrastes de independencia para datos xenómicos de alta dimensión’, que foi titorizado polo profesor Wenceslao González Manteiga, do grupo Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións (MODESTYA) do Departamento de Estatística, Análise Matemático e Optimización (USC), e por Javier Costas Costas, investigador Miguel Servet do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago do grupo Xenética Psiquiátrica. Contou ademais coa colaboración de David Rodríguez Penas, tamén do grupo MODESTYA.

Nesta edición presentáronse 200 proxectos, dos que un 25% pertencen á área de Ciencias Sociais e Humanidades, un 20% a Enxeñería e Arquitectura, un 33% á área de Ciencias Biolóxicas e Biomédicas e o 22% a Ciencias Experimentais, Exactas e Ambientais. Estes traballos, que alcanzan unha excelente calidade científica, representan unha mostra significativa da calidade da investigación que se está levando a cabo nas universidades españolas. Os premios Arquímedes teñen unha dotación total de 104.500 euros, dos cales 100.000 son financiados polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Fernando Castro é egresado en Matemáticas pola USC e finalizou tamén na USC o mestrado en Técnicas Estatísticas. Na actualidade cursa o mestrado en Xenómica e Xenética. Foi ademais estudante da primeira promocion do programa de estímulo do talento matemático Estalmat-Galicia do que actualmente é docente e membro do seu comité organizador.