Saltar ao contido principal
Xornal

Zancadas saudables arredor do campus de Lugo

Carlos Villamor e Ana Belén González Margaride marcan o ritmo na II Carreira Popular Campus Terra Leyma, na que participaron 500 atletas de todas as idades

Actualizada: 02-12-2018 15:06
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Montserrat Valcárcel, no centro, cos organizadores e gañadores da II Carreira Popular Campus Terra Leyma

Os atletas lugueses Carlos Villamor Castiñeira e Ana Belén González Margaride proclamáronse campións absolutos na modalidade masculina e feminina, respectivamente da II Carreira Popular Campus Terra da USC e revalidaron triunfo nesta cita, unha proba organizada polo Servizo de Deportes da USC e incluída no calendario de carreiras universitarias galaico-durienses, que congregou preto de 500 participantes na capital luguesa e na que os representantes da USC acadaron a vitoria en todas as categorías universitarias.

 

Carlos Villamor repetiu triunfo nesta proba e cruzou a liña de meta en primeiro lugar logo de completar os 7.400 metros do trazado da proba nun tempo de 24.24 minutos. Daniel Pérez Murado, do Club Atletismo Lucus Caixa Rural Galega, cruzou a liña de meta en segunda praza logo de empregar 25.17 minutos en completar o trazado, mentres que Breogán Gigirey, do Club San Paio A Estrado, completou o podio da categoría sénior masculina cunha marca de 26.27 minutos. Na categoría feminina, o triunfo da proba tamén volveu recaer na atleta de A Pontenova Ana Belén González Margaride, que empregou 30.36 minutos en completar o trazado da proba. Carla Trillo Fernández, do Clube de Atletismo Verxel Nutrición Deportiva, finalizou segunda cun tempo de 30.52 minutos, seguida da súa compañeira de clube  Karina Pasarín Mon, quen cunha marca persoal de 31.23 minutos, foi a terceira atleta en cruzar a liña de meta.

 

A USC, ademais de universidade organizadora da II Carreira Popular Campus Terra, acadou tamén un triunfo incontestable nesta terceira proba do calendario de carreiras universitarias galaico durienses, na que toman parte atletas das tres universidades galegas, ademais de corredores das universidades de Porte, Minho e Alto Douro-Tras Os Montes.

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, presidiu a entrega de premios da II Carreira Popular Campus Terra da USC, unha proba de marcada pegada universitaria, con saída e meta no estadio de atletismo Gregorio Pérez Rivera, e a través da que a USC pretende fomentar os hábitos saudables entre o estudantado, en particular, pero tamén en toda a sociedade en xeral.

 

A dimensión solidaria desta cita, en cuxa organización tamén colaboraron o Concello e a Deputación Provincial de Lugo, así como empresas como Coca-Cola, Grupo Leite Río ou, entre outros, Grupo El Progreso, vén dada pola doazón dun euro de cada inscrición á Fundación Galega contra o Narcotráfico. O xerente desta fundación, Fernando Alonso, agradeceu esta nova colaboración da USC entregándolle unha placa á vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo.

 

Unha vez rematada a proba e logo de que todos os atletas inscritos cubriran o trazado previsto, o estadio Gregorio Pérez Rivera serviu tamén de escenario para a entrega de trofeos aos gañadores. A vicerreitora Montserrat Valcárcel; o concelleiro de Deportes e Medio Rural do Concello de Lugo, Miguel Fernández Méndez; o deputado provincial Pablo Rivera Capón; o responsable do Servizo de Deportes da USC, Miguel Magán; o coordinador da Área de Deportes da USC no campus lugués, Jesús Castro, e o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, tamén participaron na entrega de agasallos aos gañadores dunha proba, cuxa clasificación completa está accesible na web de Carreiras Galegas.


Outras imaxes