Saltar ao contido principal
Xornal

A catedrática Mabel Loza, premio Investigadora Innovadora 2018 do Foro de Empresas Innovadoras

Actualizada: 03-12-2018 14:14
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Mabel Loza co galardón que a acredita como Investigadora Innovadora 2018

A coordinadora do grupo BioFarma da USC e co directora científica da Fundación Kærtor, a catedrática Mabel Loza, acaba de recibir o ‘Premio á Investigadora Innovadora 2018’ do Foro de Empresas Innovadoras. O galardón recoñece o seu liderado na política de I+D+i integral e permanente, tanto na transferencia coa industria, publicacións con alto impacto internacional, proxectos de innovación de carácter global e a súa capacidade de difusión en formación de investigadores, tanto no ámbito académico como no empresarial.

Traxectoria
Patroa fundadora e  codirectora científica da Fundación  Kærtor xunto co tamén profesor da USC Anxo Carracedo, Mabel Louza é catedrática de Farmacoloxía e líder do grupo de investigación BioFarma da USC. Cunha activa participación en programas públicos e privados no ámbito do descubrimento temperán de fármacos español e europeo, foi investigadora en máis de 90 proxectos de investigación, en 70 como investigadora principal. Participou en once candidaturas a fármacos que chegaron a ensaios clínicos en pacientes, dentro de programas de transferencia de I+D coa industria farmacéutica.

Destaca a publicación de diversos libros e capítulos de libros, así como de 136 artigos en revistas  indexadas no Journal Citation Report. Supervisou 17 teses de doutoramento coa cualificación máis alta e máis de 50 traballos de investigación de posgrao. Tamén é revisora de varias revistas nas áreas de farmacoloxía, química médica e descubrimento de fármacos.

Participa activamente no desenvolvemento de redes e novos modelos de innovación aberta no descubrimento temperán de medicamentos, é coordinadora da Rede Galega de Descubrimento de Fármacos e a Rede de Excelencia Española de Descubrimento de Fármacos. Ademais representa ao nodo da USC na Rede Europea de Infraestruturas de  Screening EU- Openscreen  ESFRI / ERIC. Mabel Louza coordina tamén a Unidade Mixta USC-Esteve para o desenvolvemento de novos medicamentos no campo da dor crónica. Como empresaria, promoveu a fundación de tres compañías (Pharmatools Dixital Interactive SL, Allelyus e  Oncostellae).

Premio
O Foro de Empresas Innovadoras (FEI) é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é impulsar a cultura innovadora no tecido empresarial, na universidade, nas administracións públicas e en todos os ámbitos relacionados coa xeración do coñecemento.

Os seus premios recoñecen, anualmente, o labor dun/ha investigador/a, unha compañía e un organismo ou institución de apoio á Innovación. Na edición de 2018, ademais de Mabel Louza na modalidade de ‘Investigadora’, foron premiados Cantabria  Labs, na modalidade de ‘Empresa’ e AIMPLAS, na modalidade de ‘Organismo ou institución de apoio á innovación’.