Saltar ao contido principal
Xornal

Renóvase o apoio anual da Deputación da Coruña para actividades culturais, artísticas e científicas

Actualizada: 03-12-2018 14:30
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De dereita a esquerda, Antonio López, Valentín González e Goretti Sanmartín. Foto: Deputación da Coruña

O reitor Antonio López e o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron este luns o convenio polo que o organismo provincial financia diversas actividades de fomento da educación, a investigación, a transferencia do coñecemento así como actividades culturais, artísticas e científicas durante 2018. En total a Deputación achega 140.000 euros.

O acordo, a cuxa sinatura asistiu tamén a vicepresidenta e responsable da área de Cultura, Goretti Sanmartín, recolle cinco accións prioritarias arredor das que se vertebra a programación. Así, apóianse os programas de detección e captación de talento; a programación cultural e deportiva; a celebración de congresos, seminarios e cursos, e o programa Camiños de Coñecemento do IV Ciclo.

No primeiro apartado, a Deputación renova a súa vinculación co proxecto Estalmat, de detección de aptitudes matemáticas avanzadas entre o alumnado de secundaria, e o programa A Ponte entre a USC e o Ensino Medio. O apoio á programación cultural inclúe actividades teatrais como a xira da compañía universitaria e a estrea da súa obra anual, así como o Festival Internacional e a Mostra de Teatro Universitario. No ámbito musical, achega financiamento aos encontros orquestrais de primavera, verán e Nadal da orquestra da USC e a diversos ciclos de música clásica e dá apoio aos Encontros de Danza Contemporánea e a ‘Xogando coa Danza’, ademais de sumarse a varias exposicións. Inclúese tamén o financiamento da primeira fase do Plan de Diagnose do Estado de Conservación do Patrimonio Histórico e Artístico da USC.