Saltar ao contido principal
Xornal

Apertura do campo de fútbol e rugby da USC

Este mércores 5 a partir das 11.30 horas en Campus Vida

Actualizada: 04-12-2018 14:31
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor Antonio López Díaz presidirá este mércores 5 o acto de re-apertura do campo de fútbol e rugby da USC no que tamén intervirán o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o alcalde do Concello de Santiago, Martiño Noriega Sánchez; e o presidente da Federación Galega de Fútbol (FGF), Rafael Louzán Abal. A sesión celebrarase a partir das 11.30 horas nas propias instalacións deportivas, emprazadas en Campus Vida, coa asistencia ademais da vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin Rei; da concelleira de Mocidade, Deporte, Mercados e Benestar Animal, Noa Morales Sánchez. Para pechar o acto, as autoridades participarán no descubrimento dunha placa conmemorativa na entrada principal do campo.

Esta re-apertura prodúcese logo dunha remodelación destas instalacións deportivas que permiten á súa adaptación tanto para a práctica do fútbol como do rugby. Neste senso, a intervención realizada coa colaboración das administracións local e provincial así como da FGF, supuxo o cambio da superficie para instalar unha nova de herba artificial. Igualmente renováronse os equipamentos, incluíndo a instalación de novas porterías para fútbol 7 e 11 e de rugby.

Ademais, na grada inclúese nunha nova zona cuberta na parte central e a mellora do sistema de alumeado agora baseado en tecnoloxía led, que facilite a iluminación ocasionando os menores prexuízos para as zonas residencias da contorna ou as observacións do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.