Saltar ao contido principal
Xornal

A USC celebra o día da Patroa do IV Ciclo, Francisca Álvarez, nun emotivo acto na Casa do Saber

Actualizada: 04-12-2018 13:27
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Asistentes á celebración do día da Patroa do IV Ciclo da USC na Casa do Saber de Lugo

A USC celebrou este martes o día da Patroa do IV Ciclo, Francisca Álvarez, impulsora pioneira dun programa de formación de maiores en Cambre, cun emotivo acto institucional que congregou preto de 50 alumnos e docentes no auditorio da Casa do Saber.

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, deu a benvida a todas as persoas participantes nesta sesión, durante a que a profesora do Departamento de Química Física na Facultade de Ciencias da USC Mercedes Novo Rodríguez ofreceu un relatorio co título 'Un pasiño máis na loita contra o alzhéimer’.

 

A directora do IV Ciclo Universitario da USC, Esther Olveira Olveira, aproveitou esta xornada festiva para manifestar a súa gratitude a todas as persoas que fan posible este programa de formación de maiores de 50 anos, unha iniciativa pioneira en Galicia e na universidade española que botou a andar hai xa 21 anos.

 

“O IV Ciclo da USC é un programa para sentir orgullo”, salientou Olveira, quen tamén fixo un agradecemento explícito ás 391 persoas que dan vida nas aulas a unha proposta formativa aberta a maiores de 50a nos e que ofrece máis de 80 materias de temática diversa nos campus de Santiago e de Lugo.

 

A diversidade da materias programadas pola USC no IV Ciclo Universitario foi tamén un dos aspectos salientados pola concelleira de Benestar Social do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, quen animou ao alumnado presente a seguir a buscar na formación un xeito de vida activo.

 

A celebración do día da Patroa do IV Ciclo da USC, un acto no que tamén participaron a profesora e coordinadora deste programa de formación de maiores no campus lugués, Teresa Rodríguez, así como o seu predecesor no cargo, Emilio Carral Vilariño, rematou cun viño de honra no vestíbulo da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo.


Outras imaxes


Novo, Valcárcel, Olveira e González Abelleira, no acto institucional

Alumnado e docentes do IV Ciclo da USC