Saltar ao contido principal
Xornal

O Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural da USC impulsa A xestión cultural en Galicia, nova publicación para a divulgación e o debate

Xa activa en formato dixital a través de Praza, en breve será editada en formato libro por Andavira co obxectivo de xerar un espazo común de coñecemento e debate en torno á cultura e á súa xestión en Galicia

Actualizada: 05-12-2018 12:35
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O proxecto presentárono en Culturgal, de esquerda a dereita, David Lombao, Sergio Lago, Marián Fernández, Alberto García e Marcos Lorenzo

A xestión cultural en Galicia. Unha visión panorámica e actual é a resposta a unha necesidade: a falta dun espazo no que divulgar e compartir coñecementos sobre a xestión cultural en Galicia. Este “espazo” bota agora a andar da man do Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural, unha proposta formativa da USC dirixida polos docentes Isabel Neira e Gonzalo Rodríguez e coordinada polos xestores culturais Marcos Lorenzo e Sergio Lago, que naceu no ano 2014 para achegar unha formación práctica e profesional centrada nas características específicas de Galicia.

Neste novo espazo atópanse profesionais en activo, referentes en cadanseu ámbito, e docentes ou colaboradores, na súa meirande parte, do Curso. Así podemos atopar ao economista e consultor cultural Marcos Lorenzo, que fala sobre as políticas culturais en Galicia; o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Alberto García, que reflexiona sobre sociocultura; o tamén politólogo e emprendedor cultural Uxío Novo, que describe as diferentes canles de acceso a financiamento para proxectos culturais; o xornalista Manuel Gago, director do portal culturagalega.gal, quen apunta á necesidade de dotármonos de relatos atractivos para activar o triángulo patrimonio – turismo – desenvolvemento. Ou Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, que defende a reformulación dos museos dende a diversidade, a igualdade e maiores cotas de participación social; e a xornalista e experta en comunicación cultural Sonia Díaz, que aborda a necesidade dunha reflexión sobre os públicos dos proxectos culturais desde a súa propia experiencia profesional.

A xestión cultural en Galicia. Unha visión panorámica e actual tamén ofrece unha análise dos diferentes sectores. Como o musical, a cargo de Marián Fernández, socia da cooperativa O Cable Inglés e organizadora dos Premios Martín Códax da Música. Tamén aborda a situación das artes escénicas en Galicia, con Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro, e do mundo editorial trala crise, con Henrique Alvarellos, xornalista e vicepresidente da Asociación Galega de Editoras. Non faltan tampouco nesta análise as artes plásticas, coa xestora cultural e comisaria de arte Paula Cabaleiro, e o audiovisual, da man da xornalista cultural e produtora de contidos Andrea Villa. Sen esquecer a cultura dixital, coa súa realidade presente e os seus retos, descritos pola xornalista especializada en contidos dixitais María Yáñez. Completa a lista de achegas o xestor e consultor cultural Sergio Lago, que traza unha panorámica sobre o contexto laboral e profesional da xestión cultural en Galicia.

Este espazo ábrese a todo o mundo a través da publicación semanal en Praza de cada unha destas reflexións e análises, co obxectivo de xerar un punto de encontro e coñecemento, pero tamén de reflexión. Esta pasada fin de semana, na que a iniciativa foi presentada na Culturgal, o xornal dixital publicou xa as primeiras achegas. Trátase dos artigos ‘De Malraux á cultura cidadá’ de Alberto García, e ‘Galicia destino musical’ de Marián Fernández.

O próximo sábado 8 Praza publicará ‘O financiamento da cultura’ de Uxío Novo. A xestión cultural en Galicia completarase en vindeiras datas coa publicación en papel do conxunto de todas estas achegas na editorial Andavira.