Saltar ao contido principal
Xornal

Humanidades debate nun encontro as potencialidades da xestión cultural desde a óptica profesional, académica e laboral

As persoas interesadas en participar nestas xornadas, que se desenvolverán do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro de 2019, poden formalizar xa a súa inscrición de balde na web

Actualizada: 05-12-2018 14:29
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Jesús Varela, entre Gonzalo Fernández e María Isabel González, na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo

A Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC celebrará do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro de 2019 un encontro aberto e de debate sobre a realidade e as potencialidades da xestión cultural desde a óptica profesional, académica e de inserción laboral.

 

A xornada ‘A xestión cultural a debate’, promovida a iniciativa da Facultade de Humanidades coa pretensión de avanzar na definición máis precisa do espazo profesional e formativo máis acaído para o emerxente perfil laboral da xestión cultural, tanto en espazos públicos como no ámbito da iniciativa privada.

 

A organización encontro enmárcase na liña de traballo e de colaboración emprendida hai anos pola Facultade de Humanidades de Lugo e colaboración con outros centros de ensino universitario que imparten  titulacións de grao en xestión e comunicación cultural. Daquela, o programa deste encontro inclúe entre os relatores convidados diversos responsables académicos e investigadores das universidades de Córdoba, Huelva, Girona e mesmo o director da Área de Investigación en Economía da Cultura e Turismo (Econcult) da Universidade de Valencia.

 

Consultores privados e de entes públicos, técnicos de orientación laboral e xestores de comunicación completan a nómina de relatores que intervirán no primeiro bloque temático deste encontro, centrado na xestión cultural como grao universitario e espazo profesional. O director honorífico da Cátedra Unesco ‘Políticas Culturais e Cooperación’ da Universidade de Girona, Alfons Martinell Sempere, abrirá esta primeira quenda temática  cunha intervención sobre o xurdimento e a necesidade dos graos en Xestión Cultural.

 

Cunha estrutura diferente, a través de relatorios e talleres prácticos, o encontro ‘A xestión cultural a debate’ afondará no deseño e na organización de eventos culturais durante o segundo bloque temático. A organización dun festival de bandas de música e a funcionalidade das escolas de música como modelos de xestión e dinamización social e cultural dun concello centrarán a primeira xornada deste bloque, que inclúe tamén relatorios sobre a creación de eventos e o turismo cultural, ademais dun taller sobre a xestión do parque arqueolóxico de Campo Lameiro.

 

As persoas interesadas en participar no encontro ‘A xestión cultural a debate’ poden formalizar xa a súa inscrición de balde no formulario en liña accesible na web, para logo envialo ao enderezo web margarita.vilela@usc.es.

 

O prazo de matrícula neste foro, aberto á participación de docentes e investigadores, profesionais no ámbito da xestión cultural, estudantes demais público interesado, rematará o 22 de xaneiro, segundo indicou este mércores o adxunto á vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Cultura, Jesús Varela Zapata, no acto de presentación desta xornada, unha sesión na que tamén participaron a decana da Facultade de Humanidades, Mª Isabel González Rey, e o vice decano do centro universitario lugués, Gonzalo Francisco Fernández Suárez.