Saltar ao contido principal
Xornal

Formación do Profesorado percorre a historia da educación en feminino cunha mostra que destaca 24 educadoras e colectivos

A exposición elaborada por alumnado da materia Historia e Teoría da Educación Escolar permanecerá aberta ao público no vestíbulo da facultade luguesa ata o 14 de xaneiro

Actualizada: 07-12-2018 11:15
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Detalle na instalación inaugurada este venres en Formación do Profesorado

A Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC fai un percorrido pola historia da educación en feminino a través dunha mostra composta por 24 paneis, nos que o alumnado da materia Historia e Teoría da Educación Escolar afondan na historia e na pegada deixada por outras tantas educadoras ou colectivos en diferentes etapas da historia.

A exposición ‘Educación en feminino: un paseo pola historia’, inaugurada este venres no vestíbulo da Facultade de Formación do Profesorado, permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 14 de xaneiro de 2019. A viaxe pola historia da educación a través de mulleres que ofrece esta mostra comeza en Hipatia de Alexandría e remata en Bibiana Marful Castañal. Dous exemplos de educadoras que chamaron a atención dos futuros mestres, que nesta obra colectiva tamén queren salientar as importantes achegas feitas por Jeanne de Lestonnac, Juana de Vega, Concepción Arenal, Ellen Key, Sofia Kovalévskaya e María Wonenburger, ou mesmo Elisa Sánchez Loriga e Marcela Gracia Ibeas.

Anne Sullivan e Helen Keller, Nadezhda Krupskaya, Maria Montessori, Rosa Sensat, María Barbeito, María de Maeztu, Helen Parkhurst, María Sánchez Arbós, Ángela Ruíz Robles,  as mestras da II República, Antía Cal, Josefina Aldecoa, as orientadoras de Preescolar na casa Ermitas Fernández Fernández e Marisol Fernández Rocha, a mestra da montaña luguesa Alicia López Pardo, Camino Pereiro González e Rocío Ramos-Paúl, completan a relación de ensinantes e educadoras sobre a que pon o foco este percorrido pola historia da educación ao longo de dezasete séculos.

Alén de poñer en valor o traballo e as contribucións destas mulleres, outro dos cometidos  da mostra é o de facer visible as tantas veces minimizadas, cando non silenciadas, achegas femininas, unha “inxustiza histórica ante a que a Facultade de Formación do Profesorado da USC non pode permanecer indiferente no século XXI”, segundo indica o profesor Francisco Xosé Candia Durán.

A exposición ‘Educación en feminino: un paseo pola historia’ nace pois coa pretensión  de situar as mulleres educadoras no posto de honra que merecidamente teñen conquistado logo de séculos de resistencia, esforzo, dedicación, e excelencia en moitos casos, en beneficio da mellora da educación de todas e todos, engade Candia.

Este profesor sinalou asemade que as mulleres referenciadas neste traballo son solo unhas poucas desas mulleres referentes, destacadas, pioneiras, innovadoras que, na súa diversidade de orixes e na pluralidade de respostas pedagóxicas que ofreceron, dalgunha maneira transformaron as circunstancias do ensino da súa época e son, polo tanto, algo así como fachos de luz educativa que brillan e nos guían entre os claroscuros da historia e do recoñecemento pedagóxico.