Saltar ao contido principal
Xornal

Unha mostra no Claustro alto do Colexio de Fonseca conmemora o 150 aniversario do inicio de relacións diplomáticas entre Xapón e España

Actualizada: 10-12-2018 14:06
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita Minako Takahashi, Mar Lorenzo e Katerina Vlasakova. Foto: Servimav-USC

O 12 de novembro de 1868 Xapón e España asinaban o Tratado de Amizade, Comercio e Navegación cuxa vixencia ten regulado as relacións entre ambos países durante os últimos 150 anos. O impacto que este documento ten propiciado nos terreos económicos, cultural ou diplomático son algúns dos argumentos presentes na mostra que dende este luns 10 se poden visitar no Claustro alto do Colexio de Fonseca co lema ‘Tratado de 1868: os cimentos da amizade España-Xapón’. Esta é unha iniciativa incluída na terceira Semana Cultura de Xapón en Santiago que organiza o Centro de Linguas Modernas da USC (CLM). Aberta ata o próximo domingo 16, a mostra poderá visitarse en horario 9.00 a 21.00 horas.

Esta é unha mostra conformada a partir de paneis que resaltan algúns dos feitos históricos máis destacados na época inicial das relacións entre Xapón e España como estados modernos. Quen se achegue ao Claustro alto de Fonseca atoparán imaxes de personaxes e de documentos que explican o contexto histórico, o proceso de negociación e sinatura do acordo, o impacto nos planos político, económico ou cultural, así como a reforma do tratado.

Na súa xénese, o documento recollía “a paz e amizade perpetua” entre ambos países, así como o nomeamento de axentes diplomáticos ou a apertura dos portos xaponeses, entre outras cuestións. A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, xunto coa directora do CLM, Katerina Vlasakova, e a coordinadora da Sección de Xaponés e Exame oficial de xaponés NOKEN, Minako Takahashi, inauguraron a mostra este luns 10.


Outras imaxes