Saltar ao contido principal
Xornal

O editor do grupo Nature Marc Yeste forma a 21 investigadores do campus de Lugo para a publicación en revistas de impacto

O investigador ‘Ramón y Cajal’ da Universidade de Girona impartiu en Veterinaria un curso promovido pola Escola de Doutoramento Internacional do Campus Terra da USC

Actualizada: 11-12-2018 09:44
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Marc Yeste, no curso impartido na Facultade de Veterinaria de Lugo

O investigador ‘Ramón y Cajal’ no Departamento de Bioloxía da Universidade de Girona e editor da revista multidisciplinar do grupo Nature Scientific Repports, Marc Yeste, forma no ámbito da publicación científica en revistas de impacto a 21 estudantes da Escola de Doutoramento Internacional (EDI) do Campus Terra da USC a través dun curso monográfico centrado nas claves da publicación científica en revistas de impacto, así como na relevancia que teñen estas achegas para o desenvolvemento dunha carreira científica con éxito.

 

Todos os alumnos que tomaron parte nesta actividade formativa, coordinada polo profesor de Reprodución e Obstetricia na Facultade de Veterinaria Luis Quintela, están matriculados nalgún dos programas de doutoramento do ámbito das ciencias na EDI do Campus Terra da USC.

 

A política e a práctica da publicación científica, así como o funcionamento do proceso de publicación e os diferentes modelos de sistemas de revisión centraron os contidos da primeira parte deste módulo de formación, durante o que tamén se trataron cuestións relativas á importancia e repercusión da publicación científica no currículo vitae do investigador en formación.

 

Este primeiro curso de formación complementaria no ámbito da publicación científica para estudantes de doutoramento e investigadores en formación terá continuidade no campus de Lugo os días 17 e 18 de decembro, datas nas que está prevista a celebración dun módulo de características e contidos centrados na publicación científica pero adaptados aos requirimentos e características que presenta a actividade investigadora nos eidos das humanidades e das ciencias sociais.