Saltar ao contido principal
Xornal

A Cátedra do Pan e do Cereal da USC premia un TFG que engade o modelado 3D do pan ás ferramentas de consulta clínica de dietistas e nutricionistas

O graduado en Nutrición e Dietética Jesús Fernández Cruces recollerá o 21 de xaneiro o galardón, dotado con 1.000 euros en metálico e un contrato laboral no grupo Dacunha

Actualizada: 11-12-2018 14:41
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Feijoo, Pereira, Romero, Dacunha, Almeida e Valcárcel, no edificio Cactus do campus de Lugo

A Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra, promovido polo Grupo Dacunha en colaboración coa USC, distingue na primeira edición dos premios convocados para galardoar os Traballos Fin de Grao ou Traballos Fin de Máster que poñan en valor os cereais e o pan tradicional a candidatura presentada polo graduado en Nutrición Humana e Dietética na Facultade de Ciencias de Lugo Jesús Fernández Cruces, quen achega no Traballo Fin de Grao titulado ‘¿En qué dimensión se encuentra el pan en la actualidad?’ un meticuloso estudo de valoración do pan tradicional ao tempo que demanda a incorporación de modelos tridimensionais deste produto alimenticio como ferramentas de consulta clínicas acaídas para dietistas e nutricionistas.

 

O xurado encargado de fallar a primeira edición dos Premios da Cátedra do Pan e do Cereal da USC, un comité avaliador presidido pola directora desta cátedra universitaria do campus de Lugo, Ángeles Romero, e do que tamén forman parte o presidente do Grupo Dancunha, Manuel Dancuha; o enxeñeiro agrónomo da referida empresa Fernando Almedia, ademais dos vicerreitores da USC Montserrat Valcárcel Armesto e Gumersindo Feijoo Costa, e o catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC, Santiago Pereira,  deu a coñecer este martes a súa resolución logo da reunión celebrada no edificio Cactus do campus de Lugo.

 

O xurado, tal e como se establece nas bases da convocatoria dos Premios da Cátedra do Pan e do Cereal da USC, tivo en conta na súa valoración a orixinalidade e a innovación do traballo, a aportación persoal do alumno e o alcance do traballo a nivel formativo; a calidade, rigor e metodoloxía científica axeitada ao problema exposto; a posta en valor do pan tradicional, cereais e outros derivados; a utilidade ou aplicabilidade social, científica e a capacidade de achegar a resolución de problemas ou necesidades científicas ou sociais, así como a viabilidade económica e a creación de postos de traballo.

 

Dacordo con estes criterios, o xurado acordou premiar a candidatura presentada por Jesús Fernández Cruces no seu Traballo de Fin de Grao. Este graduado en Nutrición e Dietética pola USC desenvolve neste estudo de valoración dos galegos respecto dun alimento como é o pan. Así, este titulados do campus lugués deseñou e validou un cuestionario de 60 preguntas e máis de 200 posibles ítems de resposta co que enquisou a 204 suxeitos de diversos puntos da xeografía galega.

 

O obxecto deste traballo de sondaxe é o de avaliar o grao de coñecemento da poboación galega sobre a orixe, a procedencia e o papel do pan na alimentación, o consumo, a tradición e o ouso do pan no fogar, así como os gustos persoais e tamén outros datos referidos ao glute.

 

Os resultados obtidos apuntan cara unha relación estreita coas características sociais e demográficas das persoas enquisadas. Daquela, o feito de pertencer a un grupo de idade, provincia e/ou sexo, garda relación, entre outros indicadores, coa cantidade e tipo de pan consumido.

 

De xeito parello a este estudo de valoración do pan galego, un dos máis apreciados en España, Jesús Fernández Cruces incorporou ao seu TFG, a través da aplicación de escaneado en 3D, modelos tridimensionais de pans con medidas semellantes ás reais. A aplicación destes modelos en 3D, sinala Fernández Cruces, resultou moi útil á hora de que as persoas precisaran a cantidade de pan consumido, ao tempo que supón ou, cando menos, pode constituír unha ferramenta de gran utilidade na consulta clínica dos profesionais dietistas-nutricionistas, engade.

 

O gañador do I Premio da Cátedra do Pan e do Cereal do  Campus Terra da USC recibirá este galardón, dotado con 1.000 euros en métálico, ademais de coa posibilidade de gozar dunha experiencia de traballo no Grupo Dacunha a través dun contrato laboral de seis meses de duración, o vindeiro 21 de xaneiro no marco dun acto público que se desenvolverá na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo.