Saltar ao contido principal
Xornal

O grupo Agronomía da USC lidera a análise xenética do castiñeiro en Europa e avalía o efecto do enxerto na súa ‘domesticación’

O equipo da EPS de Enxeñaría coordinado por Santiago Pereira realizou este estudo con investigadores de Córdoba e do Instituto de Bioloxía Agroambiental e Forestal de Italia

Actualizada: 12-12-2018 10:49 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Santiago Pereira Lorenzo, no edificio Cactus do campus de Lugo

O grupo Agronomía da USC lidera un estudo pioneiro sobre a análise xenética de castiñeiros senlleiros (Castanea sativa Mill.) en Italia e na Península Ibérica para avaliar os efectos do enxerto sobre o proceso de domesticación do castiro no continente europeo. Este traballo de investigación, cuxos resultados veñen de ser publicados en Annals of Applied Biology, desenvolveuse no marco do proxecto ‘Un enfoque integrado para a xestión sustentable do castiñeiro en España’, unha actuación financiada polo Goberno de España e no que tamén participou a Universidade de Córdoba e o Instituto de Bioloxía Agroambiental e Forestal de Italia.

 

Este singular estudo sobre castiñeiros senlleiros no sur de Europa, coordinada polo catedrático de Produción Vexetal na EPS  de Enxeñaría do campus de Lugo, Santiago Pereira Lorenzo, e no que tamén participan as investigadoras do grupo Agronomía  Ana Ramos-Cabrer e Belén Díaz Hernández, permitiu a valorar 105 castiñeiros senlleiros de Italia, España e Portugal.

 

Os parámetros obtidos logo deste proceso de valoración comparáronse logo cos recollidos na base datos da UE de cultivares de castaña, publicada o pasado ano polo grupo Agronomía da USC,  utilizando un conxunto de 24 marcadores moleculares microsatélites (SSRs). En cada castiñeiro centenario mediuse o perímetro (diámetro) a 1,5 metros de altura (DBH), ademais de recoller mostras de follas da copa e das raíces de cada árbore, mostras que logo foron analizadas independentemente para distinguir as árbores autorradicadas das que estaban enxertadas.

 

O perímetro mínimo medido foi de 3,8 metros no País Vasco e o máximo de 22 metros en Sicilia, castiñeiro coñecido como o dos 100 cabalos (‘Cento Cavalli’, cun perímetro total na base de 57 m.). En España, o máximo perímetro atopouse en Ávila con casi 19 m. No rango 11-22 m. de perímetro encontráronse 29 exemplares e outros 39 no rango 8-10 metros. A investigación posibilitou diferenciar 91 novos xenotipos respecto á base europea do castiñeiro. Un total de 20 castiñeiros senlleiros (9,6%) coincidiron con variedades coñecidas e incluídas na base europea.

 

Domesticación de castiñeiros en Galicia

As primeiras evidencias de cultivo ou “domesticación instantánea” en Galicia localizáronse no val do Douro, en castaños enxertados de 14 metros de perímetro (século XV) e no País Vasco (primeiro estudo nesa área) nunha árbore de 11,5 m. de perímetro (século XVI). En Italia, o cultivar 'Marrone Fiorentino' atopouse nalgunhas árbores con perímetros de 8 e 9 metros (séculos XVII e XVIII) na Toscana e Umbría. Estes resultados obtidos con marcadores xenéticos tiveron relación con referencias escritas en Portugal desde o século XVI (Fernandes, “Descrição do terreno ao redor de Lamego duas léguas”, 1531–1532; estudo introdutório e apêndice documental Amândio Morais Barros) e desde o século XVIII en España (Sarmiento, “Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetales”).

 

O castiñeiro senlleiro máis grande enxertado cun cultivar coñecido foi atopado en Galicia con 11,2 metros de perímetro, e está enxertado cun cultivar pouco frecuente como é ‘Lebre’. Tamén en Galicia, o cultivar ‘Courelá’ foi atopado nunha árbore con 10,1 m. de perímetro; ‘Rapada’ noutro de 10 m.; ‘Negral’, un cultivar relevante, nun castiñeiro con 9,2 m. de perímetro; ‘Luguesa’ nun con 7 m., e ‘Parede’, noutro con 5,7 m. Este proxecto de investigación permitiu tamén localizar en Extremadura o cultivar ‘Verata’ nun castiñeiro con 8,2 m. de perímetro. En Italia atopouse ‘Marrone Fiorentino’ nunha árbore de 8,5 m de perímetro, e en varios máis de 8 m., un deles cunha base de 16,7 metros.

 

A “domesticación instantánea” do castiñeiro, segundo sinala o profesor Pereira Lorenzo, podería remontarse ao século XV e estaría relacionada coas poboacións silvestres existentes nas mesmas zonas onde se propagan os cultivares, como foi no caso do cultivar ‘Amarelante’, cuxo xenotipo se describe en Galicia a partir dun castiñeiro non enxertado de 13,9 metros de perímetro.

 

A estrutura xenética dos cultivares de castiñeiro foi coincidente para os castiñeiros silvestres atopados neste estudo, cunha alta diversidade que se mantivo a través do proceso da domesticación, cunha orixe xenética da Península Ibérica diferenciado do italiano. Ademais, estes estudos confirmaron a introdución de orixe xenética italiana na Península Ibérica dende que temos constancia xenética, como é o cultivar “Luguesa”, atopado nun castiñeiro datado no século XVIII. Esta orixe xenética italiana atopouse tamén nun castiñeiro de 15 metros de perímetro en Andalucía, poñendo de manifesto a importancia dos intercambios xenéticos que se producían xa dende fai moitos anos.