Saltar ao contido principal
Xornal

O Selo USC Editora supera a auditoría de seguimento de certificación conforme á norma ISO 9001:2015

Actualizada: 12-12-2018 14:35
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Captura do portal web de USC Editora

O Selo USC Editora acaba de superar a auditoría de seguimento anual de certificación do seu sistema de xestión de calidade conforme á norma UNE-EN ISO 9001:2015. A mediados deste mesmo ano, o Servizo de Publicacións, responsable deste selo editorial, xa se convertera no primeiro servizo universitario que conseguía a adaptación aos novos estándares. Malia que a norma ISO 9001:2015 certifica só o selo USC Editora e non o Servizo no seu conxunto, “é certo que a auditoría de organización incorpora a práctica totalidade dos procesos que conflúen nun sistema editorial de calidade certificada”, explica o responsable do Servizo Juan Blanco.

Entre os aspectos recollidos nesta auditoría, o informe resultante destaca como puntos fortes o grao de coñecemento dos procesos por parte da organización, o avance cualitativo mediante a implementación de aplicacións dixitais e unha decidida orientación cara á mellora continua. Nas enquisas de satisfacción realizadas entre autores, distribuidores de contidos dixitais e distribuidores convencionais como parte da auditoría de seguimento, o informe resalta que os “ resultados son moi elevados e satisfactorios”.

Recente adaptación á norma 9001:2015
Para o proceso de adaptación aos estándares da norma 9001:2015, o Servizo de Publicacións revisou múltiples procesos, documentación, políticas de xestión, obxectivos e indicadores do seu sistema de funcionamento para axustalos ás novas características da norma. Como explica Juan Blanco Valdés as novidades do proceso certificador refírense a unha maior esixencia e rigor na segmentación e identificación das partes interesadas na avaliación e prevención de riscos e na análise DAFO da organización.

O propio Juan Blanco valora “moi positivamente” que esta última auditoría non detectase ningunha desviación na norma, non conformidade nin acción correctiva e inscribe tan bos resultados “ no labor dun equipo que traballa con convicción e un proxecto definido e, tamén, nunha dinámica impulsada nos últimos anos dende a edición universitaria, de cara a convencer a todos os actores implicados na mesma, e moi especialmente ás axencias de avaliación e acreditación, de que as universidades publican consonte esixencias de calidade tan rigorosas como transparentes”.

USC Editora
USC Editora é un selo comercial da USC rexistrado como marca e creado en 2009. Dá cabida a unha serie de publicacións, organizadas en seis coleccións, financiadas polo Servizo de publicacións  e sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á USC. O selo conta ademais cun elenco estable de editores internos que someten os orixinais a unha avaliación previa.