Saltar ao contido principal
Xornal

O profesor Francisco Fraga, elixido novo decano da Facultade de Ciencias da USC

As profesoras Asteria Luzardo, como vicedecana, e Aida Jover, en calidade de secretaria do centro, acompañarán a Francisco Fraga no equipo de goberno do centro lugués

Actualizada: 12-12-2018 14:55
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Francisco Fraga, entre Aida Jover e Asteria Luzardo, na Facultade de Ciencias de Lugo

O profesor do Departamento de Física Aplicada da USC Francisco Fraga López resultou elixido novo decano da Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC logo do proceso de votación celebrado este mércores, no que acadou o apoio de 40 dos 72 sufraxios rexistrados.

 

Fraga López, que estará acompañado na súa nova etapa á fronte da Facultade de Ciencias pola profesora da área de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica Asteria Luzardo, en calidade de vice decana, e da tamén docente do Departamento de Química Física da USC Aida Jover, en calidade de secretaria, agradeceu o “excelente traballo” desenvolvido durante os últimos oito anos polo decano José Manuel Martínez Ageitos.

 

O decano electo da Facultade de Ciencias, un cargo que xa ocupou na etapa previa ao equipo saínte, indicou que ademais de dar continuidade ás iniciativas xa activas, tal e como é o caso das campañas de captación de alumnado e visitas de estudantes universitarios, os obxectivos para estes anos pasan por potenciar a visibilidade interna e externa da Facultade de Ciencias e da súa oferta de titulacións académicas e de servizos, ademais de impulsar a xa crecente mobilidade de estudantes, docentes e PAS no centro universitario lugués.

 

Fraga López  comprometeuse asemade a traballar a prol da implantación o próximo curso do título de Máster en Enxeñaría de Procesado de Alimentos, así como do título de grao en Bioquímica, que comezará a impartirse no curso 2020-21. “Queremos contar con toda a comunidade universitaria da Facultade de Ciencias para acometer con éxito o asentamento e implantación destes novos títulos”, salientou Fraga López, quen tamén anunciou a súa intención de solicitar apoio económico para poder así dar continuidade ao Máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental, dado que “é un título xa consolidado que segue a manter unha alta demanda por parte do alumnado”.

 

No capítulo da mellora das infraestruturas do centro universitario, Francisco Fraga indicou que os proxectos do novo equipo de goberno da Facultade de Ciencias pretende acondicionar como espazos para usos docentes as dependencias das plantas segunda e terceira do centro nas que antes estaban emprazados os laboratorios de docencia e investigación, actualmente inhabilitados. Asemade a dotación de equipamentos para os laboratorios de tecnoloxías de procesado de alimentos e planta piloto produtos cárnicos tamén figura entre os obxectivos a curto e medio prazo, dixo.

 

Fraga López tamén adiantou que o equipo de goberno que lidera busca fomentar o dinamismo estudantil na propia facultade, para o que habilitará os mecanismos de apoio necesarios para favorecer a organización de xornadas formativas e de debate promovidas por e para o alumnado. Outro dos compromisos deste equipo, sinalou o decano electo, é o de loitar polo recoñecemento a nivel estatal da figura de dietista nutricionista como profesional de ciencias da saúde.