Saltar ao contido principal
Xornal

O Ibader acolle unha xornada técnica de I+D+i orientada ao establecemento dunha plataforma de benestar animal

O programa, aberto á participación de agricultores e gandeiros, comeza este xoves ás 11.45 horas na sede do Ibader terá continuidade en quenda de tarde

Actualizada: 12-12-2018 17:08
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da xornada

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) acolle este xoves, a partir das 11.45 horas, unha xornada técnica de I+D+I aberta á participación de gandeiros e agricultores e orientada ao establecemento e posta en marcha dunha plataforma de benestar animal en colaboración con diversos centros oficiais e universidades de Galicia e Portugal.

 

O vicerreitor de Estudantes e Internacionalización da USC, Víctor Arce Vázquez, presidirá a apertura desta xornada técnica, promovida polo Ibader en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, e no marco da que intervirán como relatores Anna Olsson, da Universidade de Porto; Joaquim Lima Cerqueira e José Pedro Araújo, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo; Severiano Silva, da Universidade de Tras Os Montes Alto Douro; Jesús Cantalapiedra, en representación da Xunta de Galicia, e o profesor da USC e secretario do Ibader, Antonio Iglesias.

 

A relación de temas a tratar no marco desta xornada é ampla, dado que os relatores convidados afondarán nas súas intervencións sobre cuestións referidas a métodos de estudo do benestar animal; normas de benestar animal en produción de leite, percepción dos consumidores sobre o benestar animal, normativa vixente en España sobre benestar animal... O programa rematará cun debate aberto, no marco do que todo o público presente poderá formalizar as interpelacións que considere.