Saltar ao contido principal
Xornal

O Ibader impulsa unha plataforma galaico lusa sobre benestar animal centrada en áreas de formación, docencia e investigación

A vicerreitora Montserrat Valcárcel, salienta que a estrutura interuniversitaria sitúa o campus de Lugo á cabeza da transferencia de coñecemento sobre un tema universal

Actualizada: 13-12-2018 13:22
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Participantes na sesión constitutiva da Plataforma de Benestar Animal impulsada desde o Ibader da USC

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC impulsa en colaboración con universidades lusas a constitución dunha plataforma de benestar animal, cuxa actividade pivotará sobre a formación, docencia e investigación no ámbito do benestar animal, “un tema de carácter universal que sitúa de novo o Campus Terra da USC á vangarda na transferencia de coñecemento”, segundo salientou a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo.

 

Montserrat Valcárcel realizou estas declaración na sesión previa á constitución da futura plataforma de benestar animal, un acto que congregou este xoves na sede do Ibader, encravada na sede universitaria luguesa, a investigadores e docentes universitarios, entres os que figura o profesor da área de Fisioloxía e vicerreitor de Estudantes e Internacionalización da USC, así como a representantes do Centro Tecnolóxico da Carne e mesmo da Xunta de Galicia.

 

A posta en marcha desta nova plataforma sobre benestar animal impulsada desde o Ibader permitirá dar continuidade de xeito coordinado ao traballo que veñen desenvolvendo desde hai anos tanto o Ibader como as demais universidades e institucións promotoras, segundo indicou o secretario do Ibader, Antonio Iglesias Becerra.

 

O tamén profesor da Área de Produción Animal da USC na Facultade de Veterinaria referiuse tamén a pertinencia da creación desta nova plataforma interuniversitaria debido á existencia dunha normativa europea ao respecto que “hai que cumprir e que contempla non poucas esixencias”. Iglesias Becerra sinalou asemade que a nova estrutura interuniversitaria servirá tamén para favorecer a converxencia de universidades, produtores e empresas respecto do benestar animal.

 

A participación de tres institucións académicas lusas neste nova entidade, tal e como é o caso das universidades de Porto, Tras Os Montes e Alto Douro e do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, é froito da colaboración que manteñen neste eido desde hai tempo, pero tamén responde ao feito de que a rexión de Galicia e Norte de Portugal presenta moitas semellanzas respecto das particularidades da súa cabana gandeira.

 

Alén de promover e alentar esta plataforma galaico lusa de benestar animal, o Ibader apoiou o comezo da andadura deste novo órgano interuniversitario coa celebración dunhas xornadas técnicas de I+D+i centradas no benestar animal e abertas á participación de agricultores e gandeiros.

 

Esta xornada de formación e divulgación, financiada con fondos da Deputación Provincial de Lugo, desenvolveuse en quenda de tarde nas instalacións do Ibader. A programa da xornada, estruturada en relatorios e mesas de debate, comezou cunha intervención de Anna Olsson, da Universidade de Porto, que falou sobre os métodos interdisciplinares no estudo do benestar animal. De seguido,  Joaquim Lima Cerqueira e José Pedro Araújo, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, afondaron respecto das normas de benestar animal na produción de leite, así como sobre a percepción que os consumidores teñen sobre o benestar animal.

 

O benestar en animais de produción centrou a intervención de Severiano Silva, da Universidade de Tras Os Montes Alto Douro, mentres que Jesús Cantalapiedra, en representación da Xunta de Galicia, pechou a quenda de intervencións cun relatorio no que abordou a normativa vixente en España sobre benestar animal. O programa da xornada rematou cun debate aberto sobre benestar animal.