Saltar ao contido principal
Xornal

EIT Food Games trae ao campus de Lugo un programa de talleres de emprendemento e información sobre bolsas e mobilidade

O evento desenvolverase este venres, a partir das 9.30 horas, no edificio Cactus

Actualizada: 13-12-2018 13:45
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da xornada

O edificio Cactus do campus de Lugo acollerá este  venres 14 de decembro, a partir das 9.30 horas, no edificio Cactus, a xornada EIT Food Games, un programa  centrado na mellora da cadea alimentaria e orientado á participación de estudantes e investigadores en formación de calquera especialidade a fin de que obteñan información respecto a bolsas, programas de mobilidade e tamén sobre a adquisición de recursos para start ups que podan serlles de utilidade no seu futuro profesional.

 

As persoas que tomen parte nesta xornada, promovida por EIT Food en colaboración co Clúster Alimentario de Galicia e a USC, terán a oportunidade de coñecer de primeira man a experiencia de persoas que xa lanzaron iniciativas emprendedoras de base tecnolóxica xurdidas no campus de Lugo, como é o caso dos promotores de TasteLab e Innolact. Ademais, a firma Angulas Aguinaga, orientada a achegar solucións a problemas actuais da industria agroalimentaria, e cuxos responsables guiarán un workshop no marco deste programa no que proporán aos participantes retos da industria alimentaria que requiren solucións innovadoras.

 

EIT Food é a Comunidade Europea de Coñecemento e Innovación dependente do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía creada para transformar o noso ecosistema alimentario. Ao conectar aos consumidores con empresas, start ups, investigadores e estudantes de toda Europa, EIT Food apoia iniciativas innovadoras e economicamente sustentables que melloran a nosa saúde, o noso acceso a alimentos de calidade e o noso medio ambiente.

 

O programa da xornada está accesible na web do evento, que se antolla asemade como unha boa oportunidade para intercambiar experiencias e coñecementos con outros estudantes e investigadores dos campus de Santiago da USC e tamén da UVigo.