Saltar ao contido principal
Xornal

O evento de emprendemento EIT Food Games promociona desde o campus de Lugo iniciativas de innovación e ideas de negocio

Preto de 40 estudantes e investigadores participaron no Cactus nun foro orientado a potenciar a creatividade e a iniciativa emprendedora entre estudantes e investigadores

Actualizada: 14-12-2018 13:53
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Participantes no evento de emprendemento e innovación organizado por EIT Food no campus de Lugo

Arredor de 40 persoas, na súa maioría estudantes de doutoramento e investigadores en formación, participaron este venres no evento de emprendemento EIT Food Games, no marco do que se presentaron diversas iniciativas de iniciativas empresariais e innovación promovidas por EIT Food, Campus Terra da USC e mesmo outras impulsadas desde Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).

 

O programa da xornada, centrada na mellora da cadea alimentaria e orientada á participación de estudantes e investigadores en formación de calquera especialidade a fin de que obteñan información respecto a bolsas, programas de mobilidade e tamén sobre a adquisición de recursos para start ups que podan serlles de utilidade no seu futuro profesional, constituíu asemade unha oportunidade de achegamento á realidade do emprendemento, así como ás distintas iniciativas neste eido promovidas por EIT Food, Clusaga e tamén desde o Campus Terra da USC.

 

As persoas que tomaron parte nesta xornada, promovida por EIT tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a experiencia de persoas que xa lanzaron iniciativas emprendedoras de base tecnolóxica xurdidas no campus de Lugo da man de representantes e impulsores de dúas realidades empresariais como o son TasteLab e Innolact.

 

Responsables da firma Angulas Aguinaga, orientada a achegar solucións a problemas actuais da industria agroalimentaria, tamén se ocuparon de conducir un workshop no marco deste programa e durante o que se propuxo aos participantes retos da industria alimentaria que requiren solucións innovadoras. Os integrantes do equipo que achegou as propostas máis solventes aos problemas expostos obtiveron un recoñecemento á súa capacidade innovadora na clausura do evento.

 

EIT Food é a Comunidade Europea de Coñecemento e Innovación dependente do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía creada para transformar o noso ecosistema alimentario. Ao conectar aos consumidores con empresas, start ups, investigadores e estudantes de toda Europa, EIT Food apoia iniciativas innovadoras e economicamente sustentables que melloran a nosa saúde, o noso acceso a alimentos de calidade e o noso medio ambiente.


Outras imaxes


Responsables de EIT Food, na apertura da xornada