Saltar ao contido principal
Xornal

As persoas con discapacidade disporán de reserva de prazas na segunda convocatoria da ABAU

Segundo anunciaron os delegados das universidades na CIUG tras unha reunión no CRE da ONCE

Actualizada: 17-12-2018 09:52
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Celso Rodríguez, á dereita, e Iván Area reuníronse con responsables do CRE da ONCE de Pontevedra. Foto: UVigo

As persoas con discapacidade disporán desde este curso de reserva de prazas na segunda convocatoria (xullo) das probas de acceso á Universidade (ABAU) nas titulacións do Sistema Universitario Galego así como nos máis de 20 dobres graos que se imparten nas tres universidades, segundo anunciaron este venres os delegados na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) das universidades de Santiago de Compostela, Celso Rodríguez, e Vigo, Iván Area. O anuncio fixérono tras a xuntanza que mantiveron cos responsables do Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE en Pontevedra, onde desde hai 25 anos realizan as probas de acceso persoas con discapacidade de toda Galicia.

Existen diferentes cotas de acceso ás titulacións universitarias polas que se reservan prazas a persoas maiores de 25 ou 45 anos, a titulados e tituladas ou a deportistas de alto nivel, así como a persoas con discapacidade. Non obstante, matizou Iván Area, “detectamos que había algunhas discriminacións xustamente para as persoas discapacitadas”. “Máis aló desta cuestión que agora arranxamos -incidiu Celso Rodríguez- é necesario que impulsemos unha reforma lexislativa” para que o real decreto que regula estas cotas de acceso recolla o seu mantemento para a segunda convocatoria da ABAU, en lugar da acumulación das prazas vacantes ao cómputo xeral.

Por outra banda, tras a xuntanza mantida co director do CRE, José Angel Abraldes, e o instrutor tilfotécnico deste centro, Pedro Vilariño, anunciaron outra novidade en relación ao acceso das persoas con discapacidade a estas probas como é a de solicitar que antes do 4 de febreiro remitan á CIUG un informe do seu centro sobre as adaptacións que se lles está facendo. Isto, sinalaron, permitirá á comisión preparar todas as adaptacións de medios que necesiten.

25 anos de colaboración
Os representantes da CIUG trasladaran aos responsables do CRE o seu agradecemento pola “axuda e colaboración desinteresada” que desde hai 25 anos prestan neste centro “para que persoas con discapacidade de calquera tipo” poidan realizar as probas de acceso á Universidade “con todas as adaptacións que necesitan”.

José Angel Abraldes, pola súa banda, quixo pór en relevo “a sensibilidade que a CIUG tivo hai xa 25 anos” e que permitiu desde entón a cooperación cun centro que neste 2018 celebra o seu 75 aniversario, no que se examinan cada ano persoas con diferentes tipos de discapacidade de toda Galicia. “Permitiu que a preocupación dos estudantes que viñan facer a selectividade fose o coñecemento do temario ao que se enfrontan e non a incerteza de como van facer o exame”, engadiu Abraldes, quen se felicitou porque esa “sensibilidade siga xerando avances” como as medidas anunciadas nesta xornada polos delegados da CIUG.