Saltar ao contido principal
Xornal

O campus de Lugo impulsa o intercambio de pescudas e avances no eido da química orgánica no marco do congreso ECSOC-22

Investigadores de 17 países presentan 112 achegas científicas á Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica coordinada polo grupo SWT da Facultade de Ciencias

Actualizada: 17-12-2018 09:57
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Logo da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica ECSOC-22

A vixésimo segunda edición da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica (ECSOC-22), un congreso virtual promovido polo grupo de investigación Novas Metodoloxías Sintéticas (SWT) do campus de Lugo da USC, integrado polos profesores do Departamento de Química Orgánica da USC na Facultade de Ciencias Julio A. Seijas Vázquez e Pilar Vázquez Tato, contribuíu durante o último mes a activar os debates sobre problemáticas e avances no eido da química orgánica, así como o intercambio de pescudas que se están a realizar en todo o mundo sobre macromoléculas, polímeros, líquidos iónicos, química computacional, síntese iónica por microondas...

 

Logo dun mes de intensa actividade científica nun escenario virtual habilitado para tal efecto, a vixésimo segunda edición da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica chegou ao seu colofón a pasada fin de semana tras contabilizar un total de 112 comunicacións de investigadores procedentes dun total de 17 países de América, Asia e Europa, tales como Portugal, Alemaña, Rusia, Romanía, República Checa, Eslovaquia, Polonia, Italia, Bélxica, Vietnam, Arabia Saudita, Emiratos Árabes, India, México, Arxentina, Irán e España.

 

O catedrático do Departamento de Química Orgánica da USC e principal impulsor desta conferencia electrónica, pioneira entre as do seu xénero, ademais de presidente do comité científico do mesmo, Julio A. Seijas Vázquez, salientou a crecente calidade das comunicacións que ano tras ano se presentan a debate e que logo permanecen accesibles en repositorios de referencia internacional. Asemade, logo de remarcar que a valía das achegas científicas tamén está acreditada polo labor que desenvolven os membros do comité científico internacional, formado por expertos de 21 países, Seijas fixo fincapé en que o esquema de desenvolvemento da ECSOC, o congreso virtual que conta cunha traxectoria temporal máis ampla, representa a arquitectura formal do que deberían ser os congresos científicos do século XXI.

 

Do mesmo xeito que nos últimos tres lustros, desde a sexta edición celebrada en 2002, a USC participa na organización da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica con MDPI (Basel, Suiza). Nesta ocasión, os promotores da ECSOC-22 contan, entre outros, co respaldo da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, AMSLab, MestreLab, e a Real Sociedade Española de Química (RSEQ). A dispoñibilidade destes patrocinadores posibilita que a inscrición e participación neste congreso en liña, organizado desde hai xa máis de tres lustros polo grupo de investigación Novas Metodoloxías Sintéticas (SWT) da Facultade de Ciencias da USC, sexan gratuítas para os investigadores, subliña Seijas.