Saltar ao contido principal
Xornal

O grupo de música antiga Resonet ofrece o concerto de Nadal ‘Alén do tempo’ este martes na Casa do Saber de Lugo

A actuación, de entrada libre e de balde para o público interesado ata completar o aforo, comeza ás 20.00 horas

Actualizada: 17-12-2018 11:07
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz do concerto

O grupo de música antiga Resonet ofrecerá este martes 18 de decembro, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o concerto de música de Nadal do Padre Manuel Feijoo ‘Alén do tempo’, no marco dunha actuación de acceso libre e de balde para todo o público interesado.

 

O grupo ensemble Resonet é unha formación nada en Santiago en 1990 baixo o impulso e a dirección do laudista Fernando Reyes e tamén co apoio da soprano Mercedes Hernández. Esta formación toma o seu nome dunha peza do Códice Calixtino conta xa cunha longa traxectoria de concertos en prestixiosos festivais e auditorios de Europa. Paulo González, frautas, zanfona e gaita, e Carlos Castro, percusión, así como un grupo vocal mixto composto por Paulina Ceremucinska, Trinidad de Miguel, Rosa Vázquez, Cristian Losada, Richard Rivera e Juan Villalobos, completan os integrantes deste grupo de música antiga.

 

O programa do concerto ‘Alén do tempo’ está estruturado en tres actos. Na primeira entrega, que leva por título ‘Música de Nadal’, os componentes de Resonet poñerán música e voz a varias letras de C. Torre Enciso, tales como ‘Non era o tempo da frol’, ‘San Xosé foi carpinteiro’, ‘Son un mozo afiador’, ‘Cantar da namorada’ e ‘Ourives da seda’, ademais da peza ‘Noite de amor’ e un canto de berce de letra popular.

 

A esta primeira entrega musical seguirá o acto ‘Música da nosa terra’, que inclúe as pezas ‘Como chove miudiño’, con letra de Rosalía de Castro, ‘Nai chorosoa’, de Alberto Camino, e ‘Pranto por Basilio’, peza recollido no Gaiteiro compostelán. Xa como colofón da actuación, Resonet pechará o seu concerto en Lugo con tres composicións de música de Nadal, como o son un algueirada de Nadal ou as letras musicadas de C. Torre Enciso ‘Laio de berce i esperanza’ e ‘Gaitas e gaiteiros’.