Saltar ao contido principal
Xornal

A USC instúe a 20 persoas na preparación e cociñado de carne de vacún e produtos da terra cun obradoiro práctico no Courel

O chef do Restaurante España de Lugo, Héctor López, impartirá o obradoiro este martes 18 de decembro, a partir das 17.00 horas, no CPI Uxío Novoneyra

Actualizada: 17-12-2018 13:24
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz do obradoiro

A USC organiza este martes 18 de decembro no CPI Poeta Uxío Novoneyra de Seoane do Courel  o obradoiro ‘A cociña das carnes de tenreira, vaca e boi: aproveitamento, corte, tratamento e preparacións con produtos da terra’, unha actividade formativa dirixida prioritariamente aos profesionais de hostalería ou restauración das comarcas de Courel e Ancares, para que xa formalizaron a súa inscrición unhas 20 persoas interesados en ampliar coñecementos sobre o aproveitamento e tratamento das carnes de tenreira, vaca e boi: a súa maduración, técnicas de corte e preparación cos distintos produtos da terra (castañas, cogomelos, hortalizas e verduras...), a fin de mellorar así a calidade da súa oferta de produtos e servizos a clientes e turistas.

 

Este programa formativo e de dinamización socioeconómica da montaña luguesa encádrase dentro dun proxecto promovido polo grupo de investigación en Sistemas Silvopastorais da USC dirixido polo catedrático Antonio Rigueiro e que recibe financiamento da Deputación Provincial de Lugo. Na organización desta actividade tamén colaboran o Concello de Folgoso do Courel e a Asociación para o Desenvolvemento Rural da Serra do Courel.

 

O obradoiro, que se desenvolverá en quenda de tarde, de 17.00 a 20.30 horas, é de carácter gratuíto e estará impartido por Héctor López, chef do Restaurante España de Lugo. O taller está limitado a un máximo de 24 participantes, polo que as persoas interesadas aínda poden formalizar este luns a súa inscrición de balde a través do enderezo de correo electrónico proxecto.micoloxia@usc.es ou no número de teléfono 982 83 137.