Saltar ao contido principal
Xornal

A Universidade de Cienfuegos busca no campus de Lugo asesoramento en temas de agricultura e control integral de pesticidas

O representante académico cubano José Crespo mantivo este luns unha reunión na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo e visitou os centros tecnolóxicos do campus

Actualizada: 17-12-2018 14:26
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Crespo, Rocha, Varela e Valcárcel, na vicerreitoría de Coordinación de Lugo

A universidade cubana de Cienfuegos pretende afondar nas liñas de colaboración que xa mantén coa USC e nomeadamente co seu campus de Lugo a fin de avanzar no desenvolvemento de diferentes actuacións relacionadas co asesoramento, formación e Investigación, Desenvolvemento e Innovación relacionados co ámbito da agricultura e especialmente con actuacións orientadas ao control integral de pesticidas.

 

O representante da Universidade de Cienfuegos e tamén do Ministerio de Educación Superior de Cuba, José Crespo, trasladou estes intereses da institución académica do país caribeño no marco dunha visita institucional realizada este luns ao campus de Lugo, onde tivo a ocasión de visitar as instalacións de dous centros tecnolóxicos da USC, tales como o son a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), con sede na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, e a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta).

 

Antes de percorrer as diferentes instalacións tecnolóxicas do campus de Lugo, visitas nas que estivo acompañado polo Xestor de Internacionalización do Campus Terra da USC, Pedro Fiz Rocha, José Crespo participou nunha  Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo nunha reunión de traballo coa vicerreitora Montserrat Valcárcel e co adxunto para Internacionalización, Jesús Varela Zapata.

 

Este encontro serviu para revisar as posibles liñas de colaboración recollidas no convenio xa asinado entre a USC e a Universidade de Cienfuegos, ademais de para analizar posibles vías de financiamento para o desenvolvemento de accións concretas. José Crespo aproveitou asemade a súa estadía no campus de Lugo para transmitir o interese da decana da Facultade de Agronomía da Universidade de Cienfuegos por visitar a sede universitaria luguesa.