Saltar ao contido principal
Xornal

A USC, co proxecto ‘Referentes Galegas’

Actualizada: 17-12-2018 14:43
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Os tres reitores xunto con Carla Reyes e Susana López Abella. Foto: Executivas de Galicia

A Universidade de Santiago, xunto coas outras dúas universidades públicas galegas, colaborará con Executivas de Galicia no desenvolvemento do proxecto ‘Referentes Galegas’, que nace da constatación da falla de modelos femininos a seguir nos distintos ámbitos profesionais en Galicia.

Así, ‘Referentes Galegas’ pretende ser un inventario vivo das mulleres que destacan pola súa traxectoria e valía que serva de ferramenta práctica para dar a coñecer a profesionais de diferentes sectores ás que poidan acceder organismos, asociacións ou empresas cando precisen dunha intervención profesional, dunha valoración técnica ou da participación en xornadas, mesas de debate, xurados...

Executivas de Galicia elaborará deste xeito, coa colaboración das universidades, un directorio de mulleres referentes no seu sector de actividade con polo menos 500 profesionais que estará aloxado na web da asociación sempre garantindo o cumprimento da Lei de Protección de Datos.

A colaboración institucional formalizouse esta mañá na sede da ACSUG no acto de sinatura do acordo no que participaron os reitores das Universidades de Santiago, Vigo e A Coruña, Antonio López, Manuel Reigosa e Julio Abalde, respectivamente; e a presidenta da Asociación Executivas de Galicia, Carla Reyes Uschinsky. Os responsables universitarios comprometéronse a difundir o proxecto entre o alumnado e profesorado de cada un dos campus, ademais de colaborar na achega de nomes de mulleres destacadas no seu ámbito e vinculadas á universidade.

Referentes galegas presentouse a continuación nun acto no que, xunto a un centenar de mulleres relevantes, participaron tamén o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a secretaría xeral de Igualdade, Susana López Abella.