Saltar ao contido principal
Xornal

Unha tese de Filoloxía Inglesa examina a relación entre o contacto lingüístico e a omisión dos pronomes suxeito

Actualizada: 19-12-2018 10:05 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Iván Tamaredo, defendendo a súa tese. Foto: Servimav-USC

As linguas naturais, pese a compartir todas elas a condición de instrumentos de comunicación, exhiben profundas diferenzas no modo no que codifican os principais trazos gramaticais. Por exemplo, secuencias como “No tenía las llaves” ou “Creo que vai chover mañá”, onde o suxeito da oración está elidido, son características das linguas románicas e en concreto do castelán e o galego. Os seus equivalentes en inglés requiren, pola contra, a expresión explícita do pronome suxeito (“SHE did not have the keys”, “I think IT will rain tomorrow”), un requisito que, non obstante, afecta preferentemente á variedade estándar da lingua inglesa, a que coñecemos habitualmente como inglés da BBC.

Como pon de manifesto a tese doutoral defendida recentemente en Filoloxía por Iván Tamaredo Meira, a omisión do pronome suxeito está en realidade moi estendida en numerosas variedades do inglés, especialmente nos de contacto, é dicir, as variedades faladas en antigas colonias inglesas ou americanas e que son empregadas como segundas linguas pola maioría dos seus falantes, como poden ser o inglés de Hong Kong ou o de Xamaica. Neses ingleses de contacto oracións como “Did not have the keys” o “Think will rain tomorrow” constitúen un fenómeno bastante habitual.

Partindo da análise de 76 dialectos do inglés falados en distintos lugares do globo, a investigación de Iván Tamaredo propón a hipótese, avalada por abundantes datos, de que a omisión do pronome suxeito nas variedades en contacto garda relación co substrato lingüístico (a lingua nativa falada orixinalmente nos territorios colonizados) e, lonxe de ser síntoma dun dominio deficiente da lingua inglesa, exemplifica un uso eficiente da linguaxe, xa que permite que os falantes transmitan a mesma información pero tendo que articular un menor número de palabras. “Ao mesmo tempo –explica Tamaredo–, a ausencia destes elementos non dificulta a comprensión por parte dos oíntes, debido a que na maioría dos casos os pronomes son empregados para referirse a entidades fáciles de recuperar do contexto”.

Os resultados da devandita investigación, que dirixida por Teresa Fanego e J. Carlos Acuña Fariña acadou Mención Internacional e Sobresaliente cum laude, profundan pois no noso coñecemento sobre os factores que inflúen na variación lingüística, así como nas causas de dita variación, e desmenten estereotipos como a tendencia a interpretar os ingleses de contacto como sistemas lingüísticos restrinxidos e deficitarios, en comparación co estándar.

Iván Tamaredo
Iván Tamaredo realizou os seus estudos de licenciatura (2012) e mestrado (2013) na Universidade de Santiago de Compostela, onde foi contratado FPI (2015-2018). Levou a cabo estadías de especialización nas Universidades de Friburgo (Alemaña), KU Leuven (Bélxica) e Vigo e forma parte do grupo de investigación Variación, cambio lingüístico e gramaticalización que dirixe a profesora Fanego, un dos máis destacados nacional e internacionalmente dentro do ámbito da Filoloxía Inglesa.

Actualmente Iván Tamaredo é contratado posdoutoral do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e está a levar a cabo o proxecto de investigación ‘Heteroxeneidade gramatical e omisión de pronombres: diferenzas probabilísticas entre variedades do inglés’ (referencia BES-2015-071233).


Outras imaxes


Iván Tamaredo e os directores da tese, Carlos Acuña Fariña e Teresa Fanego. Foto: Servimav-USC

Os membros do tribunal (de esquerda a dereita) Benedikt Szmrecsany, Javier Pérez Guerra e Cristina Suárez. Foto: Servimav-USC