Saltar ao contido principal
Xornal

Javier Montenegro acada unha axuda Proof of Concept do ERC co proxecto Traffikgene

Buscará novas formas de atravesar a membrana celular de forma selectiva

Actualizada: 09-01-2019 08:37
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Javier Montenegro é o promotor de Traffikgene. Foto: CiQUS

Traffikgene é o segundo proxecto desenvolvido na USC que acada as axudas PoC-Proof of Concept do Consello Europeo de Investigación (European Research Council, ERC). Desenvolvido polo investigador da USC Javier Montenegro, o proxecto continúa a liña dos resultados de investigación obtidos no marco do proxecto Starting Grant Dynap (Dynamic Penetrating Peptide Adaptamers), financiado en 2015 cun millón e medio de euros polo ERC para desenvolver novas formas de atravesar a membrana celular de forma selectiva.

A nova axuda, da modalidade ‘proba de concepto’ pretende apoiar os proxectos xa financiados polo European Research Council nalgunha convocatoria anterior coa finalidade de estudar a transferencia á sociedade de determinados resultados e avaliar o seu potencial mercado e as posibilidades comerciais dos resultados científicos. Esta liña de axudas tamén ten entre os seus obxectivos favorecer o desenvolvemento de spin-off que permitan outorgar valor engadido aos novos achados do laboratorio.

A proposta do investigador da USC obtivo financiamento do Consello Europeo de Investigación xunto con outras 59 propostas de diversos países da UE, oito delas de grupos de investigación españois. Javier Montenegro suma deste xeito a segunda axuda PoC acadada por investigadores da USC tras a acadada por Francisco Rivadulla para desenvolver o proxecto ANTS, un novo tipo de microsensor de temperatura de alta resolución temporal e espacial, baseado nun efecto magnetotérmico. Ambos investigadores pertencen ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS).

A axuda concedida terá unha vixencia de 18 meses e buscará abordar a síntese de novos péptidos para a entrega de DNA, RNA ou proteínas no interior das células co obxectivo de tratar enfermidades, actuando sobre as proteínas defectuosas e entregando ácidos nucleicos no interior celular, o que se coñece como terapia xénica. Como explica o investigador, estes péptidos prepáranse en condicións acuosas e fisioloxicamente compatibles, o que permite atopar aqueles con mellores condicións para realizar a entrega de DNA ou RNA en diferentes liñas celulares susceptibles de desenvolver tumores no futuro.