Saltar ao contido principal
Xornal

O novo monográfico de Obradoiro de Historia Moderna dedícase ao impacto dos cultivos americanos en Europa

Actualizada: 10-01-2019 14:57
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

‘Maíz, patata, coloniales... El impacto de los cultivos americanos en la agricultura y el comercio europeos, siglos XVI-XIX’ é o título do volume 27 da revista Obradoiro de Historia Moderna do selo USC Editora. Coordinado polos profesores Isidro Dubert e Pegerto Saavadra, o monográfico inclúe dez artigos que analizan polo miúdo a cuestión da circulación e expansión de cultivos e técnicas agrícolas.

Os cultivos asócianse en orixe a unha determinada sociedade, a unhas técnicas concretas e a uns usos culinarios precisos, e transplántanse a medios xeográficos que difiren dos de procedencia. De aí, explican os coordinadores na introdución da publicación, a necesidade de profundar na análise do desigual impacto territorial das novas plantas, “o que esixe atender o seu uso para fins moi diversos e a súa variada preparación para o consumo, os caracteres dos medios sociais nos que se introducen e os axentes que os impulsan ou frean, e os cambios que provocan no complexo agropecuario”.

O primeiro dos tres bloques do volume ábreno Lucca Mocarelli e Manuel Vaquero cun artigo sobre as implicacións derivadas da aparición e difusión do millo en Italia entre os inicios do século XVI e finais do XIX. Pola súa banda, Pegerto Saavedra atende os efectos da difusión do millo en Galicia a través das informacións aparecidas nos libros de contabilidade dos mosteiros, que remiten ás importantes transformacións que a nova planta introduciu nos sistemas agropecuarios existentes con posterioridade á súa adopción polo campesiñado, a comezos do XVII. Noutra orde de cousas, Antonio Valéro Maduro estuda a capacidade que as grandes institucións señoriais do Antigo Réxime tiveron en Portugal para adaptar o funcionamento dos seus patrimonios agrícolas ás innovacións que a chegada e difusión do millo trouxo aparelladas.

Os traballos que conforman o segundo bloque do monográfico prestan atención aos efectos derivados do cultivo e difusión da pataca. Sobre o sucedido en Portugal informa Margarida Neto, mentres que Hortensio Sobrado fai o propio con Galicia, dous territorios con relativas similitudes que se poden apreciar no proceso que segue a expansión do tubérculo. Fronte ao papel que as institucións señoriais ou as autoridades reais puideran xogar no Antigo Réxime na adopción e patrocinio dos novos cultivos americanos, Rosa Congost revisa no seu traballo as clásicas teses que se empregaron para explicar a difusión da pataca entre o campesiñado catalán; e Laurent Herment mostra ese produto como o nexo de unión que a mediados do XIX vai conseguir vincular en Francia a agricultura á industria.

O último bloque atende o impacto, e tamén o fracaso, dos cultivos americanos no comercio e a industria europea. Así, Isidro Dubert toma como exemplo o acontecido en Galicia cos produtos coloniais —coiros ao pelo, azucre, cacao, lá vicuña, café, etc.—, unha vez que o porto da Coruña se habilita en 1765 para comerciar en réxime de monopolio con América. Manuel Díaz-Ordóñez, pola súa banda, pon o foco no fracaso que supuxo a posible utilización dos territorios americanos para convertérense nunha fonte continúa de insumos estratéxicos para os exércitos e as armadas imperiais de España e Inglaterra entre os séculos XVI e XIX.

O libro remata cun artigo de David Rodríguez Couto sobre a expedición dos irmáns Nodal ao estreito de Magallanes e Terra de Fogo entre 1618 e 1619.