Saltar ao contido principal
Xornal

O grupo Histagra organiza un obradoiro sobre os cambios de paradigma na historia rural

Actualizada: 11-01-2019 12:08
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel do obradoiro que se celebrará a vindeira semana en Xeografía e Historia

‘Cambios de paradigma na Historia Rural. Un debate’ é o lema do obradoiro de Historia que a finais da vindeira semana organizan Alba Díaz Geada e Lourenzo Fernández Prieto, investigadores do grupo Histagra, a través do proxecto ‘Os vectores do cambio estrutural das agriculturas atlánticas ibéricas_moto-mecanización e especialización leiteira’. Esta acción formativa sobre o cambio de paradigma na historia rural celebrarase o xoves 17 en horario de 8.45 a 21.00 horas e o venres 18 de 9.00 a 13.00 horas na Aula 8 da Facultade de Xeografía e Historia.

O obradoiro pretende dar continuidade ao debate arredor dos cambios nos enfoques, métodos e nos suxeitos analizados pola Historia Agraria, centrando a reflexión no eixo teórico e nas súas mudanzas, “que non poden deslindarse das distintas transformacións históricas que as acompañan”, explican os promotores do obradoiro.

O programa arrancará o xoves 17 cunha primeira sesión dedicada á “cuestión agraria” arredor de 1975 e continuará cun bloque temático no que se debateran sobre as achegas de tres décadas de historiagrafía arredor de cuestións como o estudo dos comunais, agroecoloxía e historia ambiental, o cambio tecnolóxico, historia política do mundo rural ou democracia e acción colectiva no mundo rural. Este último bloque terá continuidade o venres nunha nova sesión na que se aborda o estudos demográficos, as actitudes sociais e resistencia fronte a ditadura ou a historia social e cultura na historia agraria.