Saltar ao contido principal
Xornal

O XII Congreso de Economía Agraria abordará na EPS de Enxeñaría a sustentabilidade agraria e territorial desde a Europa atlántica

O foro científico e técnico promovido pola Asociación Española de Economía Agraria desenvolverase do 4 ao 6 de setembro no campus de Lugo da USC

Actualizada: 11-01-2019 14:11
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz do XII Congreso de Economía Agraria

A sustentabilidade agraria e territorial desde a Europa Atlántica centrará o programa do XII Congreso de Economía Agraria (Aeea), un foro de carácter científico e técnico promovido pola Asociación Española de Economía Agraria, que se desenvolverá do 4 ao 6 de setembro de 2019 na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC.

 

A análise dos modelos sustentables de produción agraria, gandeira e forestal  no contexto territorial no que se desenvolven centrará parte das intervencións programadas no marco deste congreso, un foro de ámbito nacional que xa se ten convertido nun espazo de encontro, debate e comunicación de investigadores e profesionais que traballan nos eidos da economía agroalimentaria, rural e do medio ambiente.

 

Daquela, este congreso da Aeea, que por vez primeira recala no EPS de Enxeñaría do campus de Lugo e no que conflúen profesionais e investigadores en ámbitos relacionados con diversas áreas, tales como medio ambiente, bioeconomía e cambio climático; produción, xestión e organización de empresa; cadeas de valor e asociacionismo no sistema agroalimentario; consumo e mercadotecnia; desenvolvemento rural e sustentabilidade territorial, e produción e política forestal, servirá asemade de ferramenta para amosar e transferir á sociedade os resultados das últimas investigacións e traballos realizados relacionados con este ámbito.

 

A elección de Lugo como sede da celebración deste foro sobre economía agraria permitirá enfocar os debates desde a óptica e coa especial sensibilidade das áreas do norte peninsular, territorios que están a sufrir graves problemas de tipo económico e demográfico, a pesar das excelentes oportunidades que ofrecen para a creación de riqueza. Doutra banda, a data prevista para a celebración deste foro permitirá abordar e debater sobre os últimos avances na reforma das políticas agrarias e, en particular, sobre a Política Agraria Común da próxima década.

 

As persoas interesadas en coñecer información máis detallada sobre o XII Congreso de Economía Agraria organizado pola Aeea, así como datos referidos a prazos e datas para presentación de comunicacións e formalización de matrículas e inscricións poden acceder á web deste foro ou dirixir as súas consultas ao enderezo de correo electrónico xii.congreso.aeea@usc.es.