Saltar ao contido principal
Xornal

Veterinaria estuda os métodos de supervivencia da ‘Salmonella’ na cadea alimentaria para optimizar o control deste patóxeno

A tese realizada na USC por Alexandre Lamas e dirixida por Franco Abuín avalía os efectos ambientais na persistencia de ‘Salmonella’ en alimentos mediante biofilms

Actualizada: 17-01-2019 09:57 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Troncoso, Franco, Lamas, Fente e Ros, na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria

A avaliación do efecto das diferentes condicións ambientais (temperatura, fontes de nutrientes, nivel de osíxeno, conservantes alimentarios…) na capacidade da Salmonella para persistir na cadea alimentaria mediante a formación de biofilms centra a temática da tese de doutoramento que vén de presentar o veterinario Alexandre Lamas Freire na Facultade de Veterinaria da USC. Os resultados desta investigación, desenvolvida baixo o título ‘ Prevalence and characterization of Salmonella strains of the poultry industry: determining factors in its survival and biofilm formation’ e dirixida polo profesor Carlos M. Franco Abuín, achegan luz sobre a capacidade de adaptación e os mecanismos de supervivencia da Salmonella nos alimentos, achádegos que á súa vez poden ser de utilidade para o desenvolvemento de novos métodos de control de biofilms na cadea alimentaria.

 

Os biofilms son estruturas bacterianas altamente resistentes que permiten que as bacterias resistan condicións desfavorables da cadea alimentaria, o que as converte así nunha fonte continua de contaminación dos alimentos. Daquela, a investigación desenvolvida polo veterinario nado en Fene Alexandre Lamas Freire no Laboratorio de Hixiene Inspección e Control de Alimentos (Lhica) do campus de Lugo da USC tamén resulta de especial importancia para os operadores da industria alimentaria, xa que os resultados acadados nesta pescuda constitúe unha ferramenta axeitada para mellorar os seus protocolos de limpeza e desinfección.

 

A incidencia da Salmonella non é menor. De feito, aínda que os protocolos de limpeza e desinfección teñen mellorado moito nas últimas décadas na industria alimentaria da Unión Europea, este patóxeno alimentario aínda causa máis de 90.000 casos de salmonelosis cada ano nos países da UE. A casuística de salmonelosis rexistrada no vello continente é, sen embargo, moi baixa, se se se compara cos datos computados en Estados Unidos, onde o Centro de Prevención e Control de Enfermidades estima que cada no hai un millóns de casos de salmonelosis. Estas estatísticas fan, cando menos recomendable, desenvolver e implementar protocolos de limpeza e desinfección máis eficientes ao longo da cadea alimentaria.

 

Esta investigación de doutoramento realizada no Lhica, que coordina o catedrático Alberto Cepeda, tamén avalía a importancia das diferentes subespecies de Salmonella enterica na seguridade alimentaria. De feito, o novo doutor propón nas conclusións da súa tsese a posibilidade de volver a avaliar os parámetros establecidos no Regulamento 2073/2005 para o control de Salmonella, a fin de focalizalos exclusivamente nas subespecies de Salmonella enterica con importancia para a seguridade alimentaria.

 

Tribunal de tese e cualificación

O tribunal encargado de avaliar a tese presentada por Alexandre Lamas Freire estivo presidido polo decano da Facultade de Veterinaria da Universidade de Murcia, Gaspar Ros Berruezo. A tamén catedrática da Universidade de Murcia Ana María Troncoso González e a profesora titular da Facultade de Veterinaria da USC Cristina Asunción Fente Sampaio completaron a composición dun tribunal que cualificou esta investigación de doutoramento con máxima de nota de sobresaínte cum laude.