Saltar ao contido principal
Xornal

O Coro Universitario busca novas voces

Actualizada: 17-01-2019 11:29
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Coro da Universidade de Santiago de Compostela anda á procura de novas voces. As persoas interesadas deberán presentarse a unha proba de selección o vindeiro día 30 de xaneiro ás 20.30 horas na Igrexa da Universidade. A participación no Coro está recoñecida con créditos ECTS.

O Coro fundouse en 1979 por iniciativa da Vicerreitoría de Extensión Universitaria con Maximino Zumalave como director, a quen lle seguiron Xan Viaño, Margarita Guerra, Juan Carlos García Pardo e Juan Carlos Dorgambide. Dende 1999 diríxeo Miro Moreira, profesor de Canto Coral e Formación Vocal da USC.

Dende os seus primeiros anos de andadura compaxinou o repertorio a capella coa interpretación de grandes pezas clásicas da literatura musical como A Pequena Misa Solemne de Rossini, Mesías de Händel, Pequeno Libro de Órgano de J.S. Bach, Responsorios de Tebras de Victoria, Stabat Mater de Haydn, Ceremony of Carols de Britten ou Magnificat de Vivaldi, entre outras. Interveu en diversas ocasións nos festivais de ópera da Coruña e, como importante aspecto do seu labor divulgativo, destaca a recuperación de pezas de mestres de capela das catedrais galegas como Melchor López ou Diego de Muelas.

Hoxe concíbese como un proxecto pedagóxico de formación coral que desenvolve unha interesante actividade de difusión da música antiga. Nesta liña se encontran os seus últimos programas interpretados como Missa brevis en Sol, KV 49 de Mozart, os oratorios Jephte e Xonás de Carissimi, Gloria de Vivaldi, Barca di Venetia per Padova de Banchieri, Música Barroca do período Virreinal, Misa Dolorosa de Caldara, Las Ensaladas de Mateo Flecha, El tañer con el cantar: cancioneiros de Upsala, Medinacelli e Colombina, Nacións Barrocas (escolas barrocas europeas), Dido e Aeneas de Purcell, Membra Jesu Nostri de Dietrich Buxtehude, Luces y Cariños en torno a José de Vaquedano e Música das Catedrais de Nueva España.