Saltar ao contido principal
Xornal

Javier Montenegro, premio Novos Líderes de Grupos de Investigación da RSEQ

Actualizada: 17-01-2019 13:21
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O investigador ERC Starting Grant do CiQUS da USC Javier Montenegro acaba de obter o premio nacional ‘Novos líderes de grupos de investigación’ que concede o Grupo Especializado de Química Biolóxica da Real Sociedade Española de Química (GEQB-RSEQ) por “converterse en moi poucos anos nun referente nacional e internacional polo impacto do seu traballo no transporte a través de membranas celulares con sistemas peptídicos auto-ensamblados”.

Este galardón supón un novo recoñecemento da RSEQ á traxectoria de Montenegro, que se suma ao premio ‘Novo Investigador Sigma-Aldrich’ 2018 recibido o pasado maio e que destacaba a prometedora proxección da súa carreira científica, ligada ao CiQUS da USC dende 2012, cando se incorporou ao grupo do profesor Juan Granja cun contrato Juan de la Cierva. En 2015 convértese en investigador do programa Ramón y Cajal e pon en marcha o seu propio laboratorio, seguindo a liña de investigación que iniciou en 2009 durante unha estadía postdoutoral na Universidade de Xenebra.

Dende a posta en marcha do seu laboratorio, este investigador captou nos últimos cinco anos máis de tres millóns de euros a través de convocatorias autonómicas, estatais e internacionais, entre as que se inclúen a axuda conseguida en 2017 do Human Frontiers Science Program. Recentemente, recibiu unha das prestixiosas axudas ‘Proof of Concept’ do Consello Europeo de Investigación (ERC) para a transferencia e aplicación dos resultados do seu proxecto en curso tras ser premiado en 2015 cunha ‘ERC Starting Grant’.

Estes proxectos permitíronlle establecer unha investigación punteira en química biolóxica e novos materiais moleculares, diversificando así os seus intereses en investigación e traballando en aspectos fundamentais dos procesos de autoensamblaxe e formación de estruturas dinámicas con aplicacións biolóxicas e terapéuticas.