Saltar ao contido principal
Xornal

A EPS de Enxeñaría de Lugo celebra o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia coa xornada ‘Mulleres, ciencia e tecnoloxía’

O programa, organizado en colaboración coa Oficina de Igualdade de Xénero da USC, desenvolverase o 11 de febreiro en quenda de mañá. A inscrición está aberta

Actualizada: 01-02-2019 14:24
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da xornada 'Mulleres, ciencia e tecnoloxía'

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC celebrará o vindeiro 11 de febreiro as xornadas ‘Mulleres, ciencia e tecnoloxía’, un foro orientado a facer visible o relevante cometido desenvolvido polas mulleres nos ámbitos científicos e tecnolóxicos organizado en colaboración coa Oficina de Igualdade de Xénero da USC co gallo da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

 

A xornada ‘Mulleres, ciencia e tecnoloxía’ está estruturada nunha mesa de debate que se celebrará en quenda de mañá, a partir das 10.00 horas, na sala de xuntas do centro universitario lugués, baixo o lema ‘Visibilizando referentes, promovendo vocacións femininas’. Esta sesión, aberta á participación de todo o mundo e de inscrición gratuíta no enderezo electrónico www.usc.es/oix , estará moderada pola profesora e coordinadora da Comisión de Igualdade de Xénero da EPSE, Ana Isabel  García Arias.

 

Xunto con García Arias intervirán como relatoras catro mulleres científicas con protagonismo de seu, tal e como o son a profesora e investigadora do Departamento de Química Inorgánica da USC Isabel Fernández García; María José Rodríguez Malmierca, do Centro de Supercomputación de Galicia; Encina Calvo Iglesias, do Departamento de Física Aplicada da USC e a presidenta da Asociación de Mulleres Investigadores e Tecnólogas de Galicia (Amit Gal), Ana Jesús López Díaz.

 

Este evento de carácter científico servirá asemade para a presentación dunha nova iniciativa promovida desde a EPS de Enxeñaría do campus de Lugo para favorecer o achegamento das rapazas ás titulacións universitarias de perfil técnico e científico e que se desenvolverá baixo o título ‘ Protagonistas, as enxeñeiras’.