Saltar ao contido principal
Xornal

A pesca marítima recreativa xa ten o seu código de boas prácticas grazas ao Proxecto SICORE que lidera a USC

Actualizada: 05-02-2019 13:31
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

No marco do Proxecto SICORE que lidera a USC para analizar o impacto socioeconómico e ambiental da pesca marítima recreativa en España, o profesor Sebastián Villasante e o investigador Pablo Pita, ambos os dous da Universidade compostelá, acaban de rematar a coordinación do Código de Boas Prácticas na Pesca Marítima Recreativa. Este documento supón unha novidade no ámbito da Pesca Marítima Recreativa en España, por ser a primeira vez que todo o sector acorda en común unhas normas propias.

Nas costas de España practican a pesca recreativa aproximadamente 900.000 afeccionados, que contribúen notablemente ao desenvolvemento da economía por medio dos investimentos que realizan na súa actividade. Ao tempo, a pesca marítima recreativa opera en España nun marco legal complexo e disperso, con múltiples administracións involucradas en diferentes aspectos da actividade e con solapamentos de usos no medio mariño con outros sectores.

Neste contexto, facíase necesario un Código de Boas Prácticas para a pesca marítima recreativa en España que recollera as propostas realizadas polos diferentes sectores involucrados e grupos de interese. Así, no I Simposio Internacional ISMAREF celebrado en Vigo o setembro pasado, persoal científico, xestores públicos, membros de ONGs e pescadores recreativos e profesionais comezaron a traballar nel. A pesar de que existen outros códigos similares en Europa e España, en maior ou menor medida baseados no código de conduta de pesca responsable da FAO e nas súas orientacións técnicas para a pesca recreativa responsable, ningún deles fora desenvolvido especificamente para a Pesca Marítima Recreativa en toda España.

Proxecto SICORE
O Proxecto SICORE iniciouse co obxectivo de fortalecer iniciativas de colaboración intersectoriais na pesca marítima recreativa, mediante a creación dun consorcio formado por institucións científicas e asociacións de pescadores, coa colaboración de administracións públicas, ONGs e outros grupos con interese na materia.

SICORE é unha iniciativa impulsada por un consorcio liderado pola USC e financiado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do Programa Pleamar co financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Os socios do proxecto son a Federación Galega de Pesca Marítima Responsable e Náutica de Recreo, o Centro Tecnolóxico AZTI-Tecnalia, o CSIC a través de CEAB-CSIC e CSIC-IMEDEA, e as Universidades de Girona e de Murcia. Ademais, colaboran a  Consellaría do Mar, a Federación Galega de Confrarías de Pescadores, o  International Forum for Sustainable Underwater Activities, a Asociación Nacional de Empresas Náuticas, a Federación Galega de Actividades Subacuáticas e WWF España.