Saltar ao contido principal
Xornal

Valcárcel e Campos supervisan xunto con responsables políticos e académicos as obras da Granxa Experimental do Campus Terra

Actualizada: 04-02-2019 15:01
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Valcárcel, no centro, na visita con responsables académicos e políticos, á Granxa Experimental do Campus Terra

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde, e o deputado de Medio Rural, Lino Rodríguez Ónega, supervisaron este luns o avance das obras da Granxa Experimental do Campus Terra, un centro de investigación arredor dos sectores agrogandeiro e lácteo da provincia, que Deputación e USC impulsan cunha inversión de dous millóns de euros, dos que organismo  provincial 1,3 millóns e a USC 750.000 euros.

 

A posta en marcha desta nova infraestrutura de carácter científico e tecnolóxico ligada estreitamente co tecido produtivo da provincia ligado ao sector primario (gandería, agricultura, sector forestal...) pretende contribuír á mellora deste sector mediante a aplicación dos proxectos que investigadores e estudantes do campus de Lugo (Veterinaria, Enxeñería Agroalimentaria, Máster de Produción de Leite...) desenvolvan nas novas instalacións.

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, que visitou en Castro as obras da futura granxa experimental que estará a disposición da comunidade universitaria de Lugo, salientou que esta nova dotación favorece un salto cualitativo na docencia e na investigación de parte das titulacións universitarias impartidas no campus de Lugo e ligadas coa gandería e o sector primario. A granxa posibilitará tamén implantar o robot de muxido e probar un innovador sistema de pastoreo.

 

Campos Conde destacou durante esta visita que “a Granxa Experimental do Campus Terra e enmárcase dentro da aposta por unha Deputación rural e coas persoas. Pois en Lugo contamos cunhas 3.600 explotacións láctea. O sector do leite representa o 18% do emprego na nosa provincia. Lugo lidera a produción leiteira en Galicia e en España con máis de 1,2 millóns de toneladas ao ano. Polo tanto, o sector lácteo é unha prioridade para o desenvolvemento social e económico da nosa provincia”.

 

Queremos contribuír ao impulso do sector agrogandeiro a través da investigación e a innovación; aproveitando o grande potencial humano existente no campus de Lugo, no que o 25% dos seus grupos de investigación están relacionados coa produción láctea, engadiu Campos Conde. O presidente da Deputación sinalou asemade que esta nova dotación permitirá a investigadores e estudantes de Veterinaria, Enxeñería Agroalimentaria ou do Máster de Leite, entre outras titulacións, desenvolver nestas instalacións os seus proxectos, que, unha vez constatado o seu éxito, tamén se poderán aplicar nas propias explotacións lácteas da provincia que así o desexen.


Outras imaxes