Saltar ao contido principal
Xornal

O profesor da USC na EPS de Enxeñaría de Lugo Javier Bueno Lema asume a dirección xeral da Fundación Cetal

Actualizada: 06-02-2019 11:01
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Javier Bueno

O profesor titular do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo Javier Bueno Lema vén de incorporarse esta semana á dirección xeral da Fundación Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal), logo de que o padroado da entidade acordara o seu nomeamento para suceder no cargo a Andrés Hermida.

 

A designación de Bueno Lema para a dirección xeral da Fundación Cetal adoptouse por unanimidade, no marco dunha reunión celebrada en Lugo a mediados de decembro baixo a presidencia da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Política Forestal do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Isabel Bombal Díaz, e na que tamén participaron a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, a vicerreitora do campus de Ourense, Esther de Blas Varela, e a xefa territorial en Lugo da Consellería de Medio Rural, Mª Olga Iglesias Fontal.

 

Javier Bueno Lema (Zas, 1965) é desde 1991 profesor da USC, na que completou os estudos de Enxeñaría Agronómica na xa desaparecida Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos de Lugo para logo completar a súa formación de doutoramento na Universidade Politécnica de Madrid.

 

Na súa xa dilatada traxectoria académica vencellada esencialmente coa actual Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, na que ata a data vén desenvolvendo o seu cometido docente e investigador, Bueno Lema ten impartido materias relacionadas coa mecanización agraria e forestal nas titulacións de enxeñería técnica agrícola e forestal, Agrónomos e Montes e nos actuais graos nos que se configura estea formación universitaria.

 

O profesor Bueno Lema chega á dirección xeral da Fundación Cetal logo de desenvolver tamén diversas responsabilidades de xestión universitaria como director da Escola Politécnica Superior da USC e, máis recentemente, como vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo e director do Campus Terra, cargos que ocupou entre 2014 e 2018.

 

Unha vez formalizada a  súa incorporación efectiva como novo director da Fundación Cetal, Bueno Lema traballará nesta primeira etapa no cargo na elaboración e no deseño do novo programa de acción da entidade para a presente anualidade.