Saltar ao contido principal
Xornal

O Servizo de Deportes organiza en febreiro catro rutas de sendeirismo na Paradanta, O Caurel, Os Ancares e a Fraga de Catasós

Actualizada: 07-02-2019 09:42
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe de arquivo dunha ruta polo Caurel. Foto: F. USC Deportiva

O Servizo de Deportes da USC organiza ao longo de febreiro catro rutas de sendeirismo que discorrerán polos concellos da Cañiza, Lalín, Quiroga e Cervantes. A primeira cita, o sábado 9, percorrerá a comarca da Paradanta, no concello pontevedrés da Cañiza, mentres que o mércores 13 a protagonista será a Fraga de Catasós en Lalín, declarada Monumento Natural pola riqueza dos carballos e castiñeiros do seu contorno.

Para mediados de mes, o sábado 16, o grupo que se forme desprazarase ao concello de Quiroga, para visitar a espectacular paisaxe do sur da serra do Caurel nunha ruta de montaña que chega ao Alto do Convento. A última das actividades programada para este mes de febreiro terá lugar no concello lugués de Cervantes o sábado 23, na coñecida Ruta do Castro en plena serra dos Ancares.

Para asistir a calquera destas rutas, que teñen como obxectivo promover o deporte na natureza e os hábitos de vida saudables e están dirixidas por persoal titulado da Fundación USC Deportiva, é imprescindible inscribirse previamente na web http://www.usc.es/gl/servizos/deportes/santiago/actividades/index.html.

As rutas están dirixidas ao público xeral, polo que non é necesario pertencer á comunidade universitaria. Na web da USC poden consultarse prezos, horarios, dificultade e información máis completa sobre cada unha destas actividades, ademais de consellos xerais no caso de participar nestas rutas de sendeirismo.