Saltar ao contido principal
Xornal

Nova edición do concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego

Actualizada: 07-02-2019 10:39
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Son xa máis dun milleiro as charlas TED (do inglés, Technology, Entertainment, Design) dispoñibles en liña sobre innumerables eidos como ciencias, arte, deseño, política, educación, cultura, negocios, asuntos globais, tecnoloxía, desenvolvemento ou lecer.

A plataforma dos vídeos ofrece a posibilidade de subtitulalos en diferentes idiomas e por iso, consciente da escaseza de contidos divulgativos relacionados coas ciencias da saúde en galego, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia da USC propuxo unha actuación para motivar o alumnado e o profesorado a rachar con esta tendencia. Naceu así hai catro anos o concurso #TEDSaúde de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego.

O certame preséntase en dúas modalidades segundo as persoas destinatarias. Por unha banda, a dirixida a membros da comunidade TED, cun premio de 150 euros, e, por outra, a membros da comunidade universitaria da USC sen experiencia na subtitulación de vídeos TED, que deberán participar o 7 de marzo nun obradoiro de catro horas –gratuíto- sobre o funcionamento da plataforma. Neste segundo caso a recompensa será de 250 euros.

As persoas que desexen participar en calquera das dúas modalidades dispoñen de prazo ata o 25 de febreiro para inscribirse e ata o 7 de abril para realizar a tradución e subtitulación dun vídeo TED da área de saúde.