Saltar ao contido principal
Xornal

Convócase a XV edición dos Premios á calidade lingüística

Actualizada: 11-02-2019 14:26
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A USC convoca unha nova edición dos seus Premios á calidade lingüística, co obxectivo de fomentar o uso do galego entre o alumnado ligado ao espallamento da cultura da calidade na elaboración e defensa dos seus traballos. O certame premia os mellores traballos académicos, proxectos de fin de carreira (PFC) ou traballos de fin de grao (TFG) e traballos de fin de mestrado (TFM) redactados en galego neste curso académico 2018-2019.

Concederanse cinco premios, un por cada grande área de coñecemento, en cada unha das tres modalidades. Os mellores traballos académicos de curso serán recoñecidos con 150 euros cada un, os TFG e PFC con 300 e os TFM con 400 . En todos os casos, os gañadores e gañadoras reciben ademais un diploma para o seu curriculum.

O prazo para presentarse a esta décimo quinta edición remata o 31 de xullo, para os traballos académicos de curso, e o 2 de outubro no caso de TFG, PFC e TFM. Para optar aos premios só cómpre presentar unha copia do traballo, unha vez que estea aprobado, xunto cos datos que se solicitan, nos rexistros da USC.

Recursos de apoio
A presentación axeitada dun traballo ou documento dende o punto de vista formal (calidade na redacción, boa estruturación da información, claridade e cohesión, correcto deseño, e por suposto, corrección lingüística e terminolóxica) é unha habilidade comunicativa que todo universitario/a debe posuír, e que neste concurso se liga á utilización da lingua galega.

Ademais das bases e de información específica, no web do Servizo de Normalización Lingüística atópanse recursos de apoio para mellorar a calidade dos traballos académicos como léxicos e vocabularios, recomendacións de estilo académico ou a base de datos terminolóxica multilingüe bUSCatermos, con máis de 160.000 entradas. Hai tamén modelos de TFG e TFM.

Os Premios á calidade lingüística abranguen todas as titulacións da USC, e daquela, todos os estudantes de grao, enxeñaría ou mestrado da USC que fagan os seus traballos en galego e obteñan cando menos a cualificación de aprobado poderán optar a estes premios, que contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.