Máis de 3.500 estudantes de secundaria de toda Galicia visitarán este semana as instalacións da
USC no campus compostelán dentro dos ‘Encontros na USC’ procedentes de 70 centros da comunidade.
Esta é unha iniciativa que forma parte do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ coa que
se pretende achegar o alumnado de secundaria aos distintos estudos de grao que se ofertan no Campus
compostelá.
Nas visitas mostraranse as instalacións coas que o futuro alumnado universitario se atopará
no seu paso á Universidade co obxecto de facilitar a elección de futuro estudos. O percorrido das
visitas inclúe aulas, laboratorios, bibliotecas e outras instalacións xerais. Ademais do
profesorado responsable dos centros participan titores e titoras do alumnado de primeiro curso, que
serán as persoas encargadas de dirixilos na visita comentando as súas vivencias na Universidade de
Santiago.
Os encontros da USC celebraranse entre este martes 12 e o xoves 14 con dous posibles
percorridos, para o Campus Norte e para o Sur, en ambos casos a partir das 10.30 horas. No primeiro
caso, o percorrido inclúe visitas ás facultades de Filoloxía e Ciencias da Comunicación, Ciencias
Económicas e Empresariais, Traballo Social e Ciencias da Educación, Enfermaría, Medicina e
Odontoloxía, Xeografía e Historia e Filosofía. O outro grupo coñecerá os graos de Dereito,
Relacións Laborais, Ciencias Políticas e Sociais, Química, Enxeñaría Química, Bioloxía, Farmacia,
Enxeñaría Informática, Matemáticas, Física, Química, Óptica e Optometría, Psicoloxía e Ciencias da
Educación.